Thursday 09 de April de 2026

A Casa Museo Pablo Picasso acolle a mostra de escultura ‘Xeometrías en area’, de Elías Cochón Rei


O acto de apertura contou cun recital de arpa e contrabaixo

A Casa Museo Pablo Picasso acolle desde hoxe a mostra de escultura ‘Xeometrías en area’, de Elías Cochón Rei. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, interveu no acto de apertura da exposición, que estará aberta ao público ata o 30 de maio. “Queremos que esta Casa Museo sexa un punto de encontro para artistas galegos, que amosen á cidadanía as súas creacións nun espazo simbólico, que veu medrar ao gran artista universal que foi Picasso. Por iso, desde o Goberno de Inés Rey levamos a cabo diferentes actuacións que melloran este espazo, tanto para as persoas que expoñen as súas pezas como para visitantes”, sinalou Castro. O acto contou cun recital de arpa e contrabaixo.

Esta exposición reúne unha selección de esculturas que reflicten a evolución na traxectoria do artista: pezas que dialogan entre si, que revelan a forza do material e a delicadeza da emoción, que convidan o espectador a entrar nun territorio onde a materia cobra vida e os soños toman forma. A obra de Elías Cochón nace da necesidade profunda de transformar emocións en materia. Ferro, grafito, silicio, zirconio e outros elementos convértense nas ferramentas coas que constrúe un universo propio, onde a forma tridimensional dialoga coa memoria, a identidade e o íntimo.

A súa traxectoria artística, en constante evolución, amosa unha procura incansable de novos camiños expresivos. Desde unha etapa inicial marcada pola aprendizaxe, a absorción creativa e o descubrimento do ferro como linguaxe emocional, o artista foi consolidando unha voz propia que se manifesta tanto na escultura como na pictoescultura, a xoiería artística e outras disciplinas afíns.

A influencia do mestre Camilo Otero supuxo un punto de inflexión no seu proceso creativo, abrindo portas a unha visión máis ampla e experimental. A partir de aí, a súa obra expándese, diversifícase e gaña presenza en exposicións colectivas e individuais, construíndo un percorrido sólido e recoñecido. Na última década, o artista vive un renacemento persoal e profesional. A paternidade, a creación do seu propio espazo de traballo —LIDEIRA— e o recoñecemento máis alá das fronteiras consolidan unha etapa de madurez na que a súa obra acada unha profundidade singular. Cada peza convértese nun fragmento de vida, nunha materialización do invisible, nunha invitación a sentir.

Deja un comentario