Thursday 09 de April de 2026

Carballo inaugura a exposición “Que pasaría se non existisen as entidades sociais?” para visibilizar o importante papel que desenvolven na sociedade


Renderlles homenaxe e dar a coñecer a pegada profunda que as entidades sociais deixan no día a día da nosa contorna é o obxectivo da exposición inaugurada hoxe na Praza do Concello, no marco do II Feirón en rede – Carballo solidario, que estaba previsto para este domingo 12 pero que, á vista das previsións meteorolóxicas adversas, queda en suspenso á espera de fixar nova data.

A exposición formula unha pregunta clave para a reflexión cidadá: Que pasaría se non existisen as entidades sociais? A través dunha serie de paneis informativos, os visitantes poden descubrir o labor vital que realizan asociacións creadas no noso concello ou que desenvolven nel a súa actividade.

O acto de inauguración contou coa presenza do alcalde, Daniel Pérez, así como de varios concelleiros e concelleiras da corporación municipal, e representantes das 14 entidades participantes no proxecto: AECC, Afaber, Alcer, APEM, Aspaber, Cáritas, Cruz Vermella, Fundación Érguete-Integración, Íntegro, Lenda Educativa, O legado de Maxe, Senegaleses de Carballo, Un paso máis e Vieiro.

Os representantes municipais destacaron a importancia de traballar en rede e de apoiar o labor destas organizacións, que actúan como piar fundamental para dar resposta a necesidades sociais que, doutro xeito, quedarían sen cubrir. “Detrás de cada entidade hai persoas que coidan, acompañan e transforman vidas; esta mostra é un recoñecemento a ese labor silencioso pero fundamental”, manifestou o alcalde. A exposición pretende, así, sensibilizar á cidadanía sobre a relevancia deste traballo colectivo e fomentar o compromiso social.

Nos diferentes paneis visibilízase o impacto que as entidades sociais, educativas, sanitarias ou de inclusión teñen no día a día da veciñanza, especialmente entre os colectivos máis vulnerables. Unha mostra, en definitiva, que pon en valor o traballo fundamental do tecido asociativo na construción dunha sociedade máis xusta e cohesionada.

A exposición poderá visitarse durante as próximas semanas, convidando a toda a veciñanza a coñecer máis de preto a estas organizacións que, de xeito moitas veces silencioso, transforman a realidade de Carballo.

Deja un comentario