Saturday 16 de November de 2024

Rubén Riós imparte un taller radiofónico en Ordes entre os gañadores do concurso de cuñas ‘ O Galego na Onda’


A cita forma parte das accións organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística para promocionar o uso da lingua galega entre adolescentes

 

15 mozos e mozas da comarca de Ordes, recoñecidos co primeiro e segundo premio da fase local do concurso radiofónico ‘O Galego na Onda’, reuníronse nos estudios de Radio Ordes para levar a cabo un obradoiro de formación. Dirixindo este grupo de traballo estiveron o actor Rubén Riós e o técnico e productor Andrés Rozados. Ambos se amosaron moi  sorprendidos “pola boa execución das cuñas presentadas a concurso” o pasado mes de xuño. O certame foi convocado pola Rede de Dinamización Lingüística na súa programación co gallo do Día das Letras Galegas 2014. Dita acción  forma parte dunha actividade de dinamización lingüística máis ampla e centrada na promoción do galego entre os adolescentes e no ámbito da comunicación radiofónica.

Durane toda a xornada o actor e comunicador Rubén Riós falou de aspectos relacionados coa modulación da voz, a importancia da ambientación musical, así como doutros efectos sonoros .Tamén houbo ocasión de afondar na redacción e na locución radiofónica, nas necesidades de produción, na estrutura do guión ou nas capacidades que debe desenvolver un bo locutor de radio (dicción, improvisación, vocalización…). O seguinte paso para completar a súa formación será a creación dun programa que será emitido pola radio local, ademais de mellorar as súas cuñas. Con ela, entrarán na fase autonómica do concurso, cuxos gañadores participarán co coñecido locutor Kiko Novoa nun programa da Radio Galega. Entre os obxectivos que persegue O Galego na Onda figuran os de ampliar as posibilidades de ocio en lingua galega dos adolescentes de entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, favorecer a aprendizaxe e o uso oral do galego nun contexto lúdico e promover a reflexión sobre os usos lingüísticos da mocidade.