Thursday 09 de April de 2026

O Concello activa a inclusión dun novo inmoble en ruínas no Rexistro de soares


O Concello de Santiago iniciou o procedemento de inclusión dun novo inmoble no Rexistro de soares. Trátase dun edificio en ruínas sito na rúa da Caramoniña, no ámbito do Plan especial da cidade histórica. A resolución pola que se declara incumprido o deber de conservación e rehabilitación e se incoa o procedemento de inclusión no Rexistro do soares foi publicada no taboleiro de anuncios do Concello e no Boletín 

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, declarou o estado de ruína do inmoble sito no número 1 da rúa da Caramoniña o 17 de outubro de 2023. Posteriormente, o arquitecto municipal propuxo a súa inclusión no Rexistro de soares e realizou unha valoración económica para saída a poxa pública, de acordo co establecido nos artigos 137 e 138 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Concretamente, no expediente figura unha valoración para saída a poxa pública de 64.561,40 euros.

A Lei do solo de Galicia establece no seu artigo 135 os deberes de uso, conservación e rehabilitación dos propietarios de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións. Ademais, o inmoble sito no número 1 da rúa da Caramoniña está catalogado e a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia establece a obriga de conservar, manter e custodiar os bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia para evitar a súa perda, destrución ou deterioro.

O informe técnico indica que “non se fixo ningunha actuación para reverter o estado da edificación e segue en situación de ruína” e sinala que “o edificio permaneceu abandonado durante os últimos 14 anos.” Tras a declaración de ruína a propiedade “nada fixo por cumprir co deber de rehabilitalo e dedicalo a un uso compatible coa normativa urbanística” e, incumpridos os deberes legais, procede a súa inclusión no Rexistro de Soares de acordo co establecido no artigo 137 da Lei do solo de Galicia.

Outras actuacións

O executivo municipal acordou, en marzo de 2025, a venda forzosa mediante poxa pública de catro inmobles da cidade histórica que foran incluídos no Rexistro de soares en abril de 2024. Un deles, sito no número 33 da rúa do Espírito Santo, adxudicouse en setembro de 2025 e en febreiro de 2026 asinouse a acta de ocupación. É o primeiro inmoble adxudicado polo Concello de Santiago en venda forzosa. Os outros tres edificios incluídos no Rexistro de soares, da mesma titularidade, están pendentes de resolución de recurso en vía contencioso-administrativa. As actuacións do Concello para conseguir a súa rehabilitación remóntanse a 2002 e xa se incluíran no Rexistro de soares en 2011, cando tamén foron obxecto de impugnación na vía contencioso-administrativa que foi desestimada en 2013.

A Concellaría de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica traballa para incluír máis inmobles no Rexistro de soares co obxectivo de impulsar a rehabilitación do patrimonio construído, no marco dunha estratexia global para avanzar cara a un aproveitamento máis eficiente do parque inmobiliario existente. Tamén se enmarca nesta estratexia a creación dun parque público de vivenda municipal en alugueiro a través da rehabilitación de edificios abandonados. Recentemente, o Concello contratou a redacción do proxecto básico, proxecto de execución, estudo de seguridade e saúde e dirección facultativa das obras de rehabilitación integral de cinco edificacións municipais na rúa da Caramoniña con destino a vivenda en alugueiro, para o que se prevé un investimento total de máis de 931.000 euros. Trátase de cinco edificios obtidos polo Concello en 2005 por cesión obrigatoria tras o desenvolvemento da unidade de execución U-4 entre a rúa de Teo e a travesa do Escultor Asorey, que permaneceron en ruínas dende entón.

Ademais, no primeiro trimestre de 2026 o Concello outorgou licenzas de obra maior para a rehabilitación integral de cinco edificios da cidade histórica que levan anos baleiros. Trátase dos inmobles sitos no número 19 da rúa das Casas Reais, no número 9 da rúa de Santo Agostiño, no número 12 da travesa de San Paio de Antealtares, no número 13 da rúa dos Loureiros e no número 35 da rúa do Castrón Douro.

Deja un comentario