Thursday 09 de April de 2026

Case medio milleiro de persoas participaron nas xornadas de control da saúde no mercado municipal


• A iniciativa, enmarcada no Día Mundial da Saúde, permitiu realizar 489 medicións de tensión e glicosa

• O éxito de participación reflicte a concienciación da veciñanza, desde os máis maiores ata a xuventude, sobre a importancia da prevención

O Concello de Carballo pechou cunha elevada cifra de participación as xornadas de divulgación e control da hipertensión e a diabetes celebradas no mercado municipal, dentro do plan de dinamización impulsado pola Concellaría de Feiras e Mercados e a asociación de profesionais A Praza. En total achegáronse ata o posto informativo 489 persoas para realizar un seguimento preventivo da súa saúde, o que demostra o interese desta iniciativa para a veciñanza.

A campaña, que arrancou o pasado martes cunha primeira xornada na que se atenderon a 219 persoas, viviu hoxe o seu momento de maior afluencia con 270 novos controis realizados en só catro horas, coincidindo co enorme movemento que xera o mercado dos xoves.
Aínda que a maioría das persoas asistentes foron maiores, houbo variedade de idades e perfís e procedencias: usuarios/as do balneario, alumnado de secundaria, clientela habitual do mercado… E tamén se sumaron o alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros de Feiras e Mercados, Ramón Varela, e Deportes e Mocidade, Daniel Barreiro. O alcalde agradeceu a excelente disposición da cidadanía e destacou que “a prevención é o investimento máis rendible que podemos facer para garantir unha vida saudable”.

Aínda que as medicións no mercado remataron, o programa formativo continúa no centro de saúde de Carballo co lema Coida da túa saúde. O servizo de dietista-nutricionista ofrecerá obradoiros todos os venres de abril para afondar en hábitos de alimentación saudable e o manexo da diabetes e a saúde cardiovascular. O de mañá xa está completo.

Dende o Concello queremos lembrar á veciñanza a importancia de manter un seguimento regular e de levar unha vida activa e unha alimentación equilibrada como as mellores ferramentas contra a enfermidade.

Deja un comentario