Thursday 09 de April de 2026

O próximo Tempos para compartir ensinaranos a recoñecer plantas medicinais e con valor na cociña


A área municipal de Igualdade do Concello de San Sadurniño organiza un novo obradoiro dentro do programa Tempos para compartir, que terá lugar o sábado 25 de abril ás 11:00 horas, con saída de diante da Casa do Concello. A actividade consistirá nunha ruta para descubrir plantas comestibles e medicinais, seguida dunha sesión práctica sobre como preparalas para o seu uso terapéutico e cluinario. Nesta ocasión, o Tempos…estará conducido pola especialista María Couso Rodríguez, veciña da Rubiña. Ofértanse 15 prazas que se irán cubrindo por orde de solicitude enviando un correo electrónico a oriana.lopez@sansadurnino.gal ou chamando / Whatsappeando ao número 673 903 922.

O obradoiro será a antesala da XXIX Feira da Plantación e brindaranos unha boa oportunidade para comezar a fin de semana en contacto directo coa natureza, descubrindo herbas, flores e outras plantas silvestres con propiedades nutritivas e medicinais que temos ao noso redor e que moitas veces nos pasan desapercibidas.

A ruta desenvolverase polas beiras do río Xubia, seguindo o paseo fluvial, onde as persoas participantes poderán identificar e recoller distintas especies vexetais. Durante o percorrido, aprenderanse nocións básicas sobre o recoñecemento destas plantas e os seus usos tradicionais, tanto no ámbito da alimentación como da saúde.

Unha vez rematada a parte práctica no exterior, a actividade continuará na Casa da Xuventude cunha sesión centrada na conservación e nas aplicacións, xa que outra das finalidades deste Tempos… tamén é aprender maneiras de aproveitar no día a día as especies recolectadas.

O obradoiro impartirao María Couso Rodríguez, veciña da Rubiña e enxeñeira de montes, que conta con experiencia no ámbito da botánica. Actualmente é profesora no Ciclo superior de Formación profesional de Xestión forestal e do medio natural en Mondoñedo, o que garante un enfoque didáctico e rigoroso durante toda a actividade.

As persoas interesadas en participar deben formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico oriana.lopez@sansadurnino.gal ou no 673 903 922. Aínda que non hai un prazo definido para apuntarse, o mellor é ir facéndoo xa, dado que só se ofertan 15 prazas.

Anímate a compartir coñecemento
O programa Tempos para compartir naceu como unha proposta a cabalo entre o lecer e o intercambio de saberes útiles para a vida diaria como escusa para a xuntanza e coñecemento veciñal. As sesións prográmanse un sábado cada mes e, se é posible, cada vez nunha parroquia distinta. O seu contido é máis práctico que teórico e seméllanse a calquera videotutorial que poidamos atopar na rede, só que ao vivo e con posibilidade de solventar dúbidas sobre a marcha.

Ten habido Tempos… de materias moi diversas -home staging, manexo de cámaras deportivas, elaboración de pan, de galletas, de doces, de xabóns, etc.- pero foron e son os relacionados coas manualidades e a cociña os que máis interese adoitan espertar, quizais porque son tamén os que mellor se adaptan a pequenos espazos e a unha duración que anda sempre sobre as dúas horas ou dúas horas e media.

Así a todo, nin as manualidades nin a cociña son temas exclusivos, senón que poden propoñerse todo tipo de contidos que se poidan explicar nese tempo e que non requiran materiais demasiado caros. Quen teña algún saber que queira compartir pode chamar ao Concello e organizar o seu propio Tempos… de cara a próximas citas.

Deja un comentario