A ACTIVIDADE ESTÁ ORGANIZADA POLA CONCELLERÍA DE XUVENTUDE DE FENE COA COLABORACIÓN DA CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
Ata o vindeiro 10 de maio está aberto o prazo de preinscrición para o “Obradoiro de Teatro” que impartirá o actor e director teatral Agustín Bolaños no CCRD de Perlío. O taller, dirixido a persoas maiores de 16 anos, terá lugar os sábados 14, 21 e 28 de maio e 4, 11, 18 e 25 de xuño de 2016 (horario de 11.00 a 13.00 horas). As persoas interesadas en participar deberán enviar un correo electrónico de pre-inscrición a omix@fenecidadan.gal, indicando o seu nome, apelidos, idade e teléfono de contacto. Segundo informan dende a Concellería de Xuventude, o número máximo de participantes será de 16 persoas.
Unha vez feito grupo, e confirmada a participación mediante chamada telefónica por parte da OMIX de Fene, formalizarase a inscrición no obradoiro nas dependencias administrativas do Pavillón A Xunqueira mediante o pago de 15,70 €. Para máis información, pódese chamar ao teléfono 981 340 366.
Agustín Bolaños é actor e director teatral. Formouse na Escola de teatro de Narón, baixo a dirección da tamén actriz Flor Maceiras. Na actualidade é monitor de teatro en Roupar, As Pontes e Ferrol.
Salientan os seus traballos como actor (e asistente de producción) na xira “Os Axouxeres 2015” coa compañía Elefante Elegante (que pasou por Perlío o pasado 3 de outubro); actor e co-autor do espectáculo infantil, sobre temática de xénero, “O contiño do revés”, exhibida en Ferrol e Cambre no 2015; creador e director da representación veciñal na Pena Molexa, xuño de 2015, O Val, Narón; compoñente da asociación teatral “O aturuxo de Melpómene” e actor na obra “Desencaixados”, dirixida por Pablo Sánchez.