A CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO EDITA UN FOLLETO CO PROGRAMA DE ACTIVIDADES DO CONCELLO E SOCIEDADE DE FENE
O Concello de Fene e o movemento asociativo do termo municipal conflúen un ano máis na conmemoración do Día das Letras Galegas, “data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua”. Cunha conferencia na SCRD Agarimo de Sillobre comeza este sábado 30 de abril o “Maio, mes das letras”, o programa de actividades que organizan o Concello e as sociedades de Fene co obxectivo de: dar a coñecer as tres efemérides que se xuntan neste ano 2016 (o Día das Letras Galegas, o centenario da fundación das Irmandades da Fala e o Ano Castelao) e o autor homenaxeado, Manuel María; facer trascender que Fene é un dos poucos concellos nos que o movemento asociativo ven celebrando o “Día das Letras Galegas”, de xeito ininterrompido, dende a súa primeira convocatoria; e amosar a vizosidade da lingua e cultura galegas ao longo destes últimos 53 anos e, dun xeito especial, nas súas manifestacións actuais.
O programa “Maio, mes das letras” principia esta semana cunha conferencia maxistral sobre Manuel María a cargo do doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Rodríguez Sánchez, amigo do autor homenaxeado e colaborador da Fundación Manuel María. A charla, organizada pola SCRD Agarimo de Sillobre, terá lugar este sábado, 30 de abril, a partir das 20 horas no local da sociedade.
Este será o punto de partida dun amplo e variado programa de actividades organizadas polo propio Concello e polas sociedades Liga de Amigos de Barallobre, ACRD O Pote, AVV de Limodre, AVV “San Xurxo” de Magalofes, CMI de Fene, CPS de San Valentín, SCRD Agarimo de Sillobre e CCRD de Perlío. O programa, recollido nun folleto que edita a Concellería de Cultura e Ensino e que ven de ser distribuido polas oito parroquias de Fene, inclúe, amais de conferencias, recitais poéticos, actuacións musicais, exhibicións de danza, exposicións, representacións teatrais, excursións, etc., dende este sábado ata o sábado 28 de maio.
Logo desta primeira actividade do “Maio, mes das letras” no Concello de Fene, a próxima cita será o venres 6 de maio no salón de plenos da Casa do Concello. Para esa xornada, a Concellería de Cultura e Ensino organiza un recital poético “Homenaxe a Manuel María” no que participarán, a partir das 19 horas, representantes do movemento asociativo e dos grupos municipais, e que se completará cunha actuación musical a cargo de María Manuela e Xurxo Varela. Para ese mesmo día, no local da AVV de Magalofes, anúnciase unha exhibición de baile coa escola Fusión Dance (ás 20 horas) e unha actuación das Cantareiras do Saime (ás 21 horas).