A ampliación da estrada DP-7602 que conecta o núcleo de San Sadurniño co de Riboira semella que por fin vai adiante, despois de que a Deputación da Coruña aprobase recentemente a actualización do proxecto presentado vai xa para cinco anos. O vicepresidente provincial, Xosé Regueira Varela, e a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a concellos, Cristina García Rey, visitaron esta tarde San Sadurniño para informar ao executivo local sobre a tramitación inminente da actuación, que presentará, como principal cambio con respecto ao deseño inicial, o traslado á marxe esquerda do tramo final da senda peonil que tamén se construirá dentro do proxecto. Regueira e Rey achegáronse á zona da intervención na compaña do alcalde, Secundino García Casal, e do responsable municipal de Obras, Manolo Beceiro Couce, quen celebraron o desbloqueo dunha actuación fundamental para a seguridade peonil e do tráfico neste eixo de comunicación.
O proxecto de ampliación e creación dunha senda peonil na DP-7602 non é algo novo, senón que se trata dunha actuación que iniciou a súa andaina hai anos por iniciativa do concelleiro de San Sadurniño Suso Soto Vivero durante a súa etapa como deputado provincial. O Concello xa lle propuxera en 2015 á Deputación a transferencia desta vía interior, previa mellora da súa seguridade. Mesmo preparou unha memoria valorada que se lle fixo chegar ao ente provincial coa finalidade de que, transferida ou non, a vía se tivese en conta nos plans anuais de sendas peonís. Foi finalmente en 2021 cando a Deputación aprobou o primeiro proxecto canda a correspondente partida para levar a cabo as obras.
Con todo, a tramitación -que incluíu un proceso de expropiación- quedou estancada durante os últimos anos por mor das afeccións patrimoniais sobre o castro de Riboira. Secundino García explica ao respecto que a Deputación “tivo que modificar o proxecto, algo que o ralentizou todo”. Esta modificación consistiu, principalmente, en cambiar a marxe pola que discorre a senda peonil, pasándoa no seu tramo final -preto do castro- do lado dereito para o lado esquerdo, co que se evitan movementos de terra na zona de protección integral do ben.
As obras proxectadas segundo os novos planos permitirán darlle máis ancho aos aproximadamente 1,5 quilómetros de estrada, que pasará de 4 a 6,5 metros en todo o seu trazado para garantir que dous vehículos poidan cruzarse sen problemas, independentemente do seu tamaño, xa que é habitual que na parte sur -de tan só 3,5 metros de ancho medio, con varias curvas e encaixada entre un grande ribazo e un regato- haxa que facer manobras cando se encontran, por exemplo, un utilitario e o bus do transporte escolar.
Para maior seguridade do tráfico rodado, o novo firme será aglomerado e, ademais, a senda peonil terá un ancho de 1,80 metros separados do tráfico por un borde continuo de formigón que tamén garantirá a seguridade de quen circule a pé. “É unha vía que ten moito tránsito. É a comunicación natural entre Lamas e a capital municipal. Necesita unha ampliación da calzada e tamén é unha boa maneira de facer unha senda para poder pasear con seguridade”, engadiu o alcalde.
Pola súa banda, o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, destacou que a recente aprobación do novo proxecto adaptado aos requisitos sectoriais de Patrimonio permite facer realidade, por fin, “un compromiso que viña adiándose desde o ano 2019 e que ademais é un compromiso cun concello pequeno”. Regueira aclarou que, aínda que a obra chega “con moito retraso”, este non foi imputable nin ao Concello nin á Deputación, ao tratarse dunha cuestión de “permisos doutras Administracións”. O vicepresidente destacou que a intervención dispoña “de proxecto e partida orzamentaria”, incidindo en que “é importante para San Sadurniño” que se vaia levar a cabo a ampliación da calzada e a construción da senda peonil.
Regueira tamén puxo en valor a intención “pouco habitual nun Concello” de asumir a titulariedade da vía unha vez que a obra estea totalmente executada.
Novas expropiacións
O proxecto actualizado implica, igual que en 2021, ampliar o espazo a un e outro lado do eixo viario, sobre todo na zona que queda máis próxima ao Campo da Feira, onde será necesario retranquear os noiros dos montes e asegurar a marxe do regato, que tamén cumprirá canalizar en certos puntos. Máis arriba a estrada está flanqueada maiormente por labradíos, polo que a obra será relativamente máis doada.
A Deputación xa levou a cabo, dentro do procedemento iniciado en 2021, a expropiación de 58 anacos de predios, que supuxeron un investimento de 71.700 euros. O ente provincial deberá levar a cabo agora un novo proceso expropiatorio das terras comprendidas entre os puntos quilométricos 1,22 e 1,37 que se verán afectadas polo cambio de marxe da senda peonil. Porén a incidencia será moito menor, xa que os pagamentos previstos neses 150 metros de traxecto pasan pouco dos 800 euros.
O importe de execución por contrata de toda a obra -sen expropiacións- está cuantificado en 846.892,16 euros. No apartado técnico estímase un prazo máximo de execución de seis meses, que as empresas construtoras poderán reducir nas súas propostas unha vez se licite o contrato.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.