Wednesday 08 de April de 2026

O Concello aproba o expediente para a concesión dos novos nichos do cemiterio municipal


· O canon fixouse en 1.160,99 euros por unidade de enterramento, cun pagamento fraccionado para facilitar o trámite á veciñanza.
· A adxudicación realizarase mediante un sistema obxectivo de baremación, seguido dun sorteo para a asignación concreta dos espazos.
· O prazo de solicitude abrirase de xeito oficial o día seguinte á publicación do anuncio no BOP.

O pleno de marzo do Concello de Camariñas aprobou o expediente que marca o inicio do procedemento para a adxudicación das concesións administrativas sobre os nichos de titularidade municipal de nova construción no cemiterio. Con este paso, o goberno local dá resposta a unha importante demanda veciñal, regulando o uso destas novas unidades de enterramento.

O procedemento tramitarase como unha concesión demanial, é dicir, o uso privativo dun ben de dominio público. O canon fixado polo Concello para cada nicho é de 1.160,99 euros. Co obxectivo de facilitar o proceso ás familias, determinouse un sistema de pagamento en dúas fases: as persoas interesadas deberán aboar un 20% do importe no momento de formalizar a solicitude, mentres que o 80% restante pagarase unha vez que o nicho lles sexa adxudicado de forma definitiva.

Criterios de adxudicación e sorteo

Para garantir a total transparencia e igualdade de oportunidades, a adxudicación levarase a cabo mediante un procedemento de concorrencia. O Concello estableceu unha orde de prioridade baseada nuns criterios de baremación obxectivos.

Unha vez aplicada esta baremación e elaborada a listaxe definitiva de persoas adxudicatarias, a asignación física do nicho concreto que lle corresponde a cada familia farase mediante un sorteo.

O Concello informa ás persoas interesadas de que o prazo para presentar as solicitudes abrirase oficialmente o día seguinte á publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Dende ese momento, poderán dirixirse ás oficinas municipais para formalizar o trámite e achegar a documentación requirida.

Deja un comentario