O concurso de ideas para a transformación do Conector Central da cidade segue adiante despois da elección das cinco propostas para a segunda fase. O xurado conformado por nove profesionais avaliou máis dunha vintena de ideas de intervención neste ámbito urbano de 46.000 metros cadrados entre San Clemente e Santa Clara, que constituirá unha das grandes arterias de comunicación do tecido urbano compostelán.
Avanza o concurso de ideas para a transformación do Conector Central coa elección das cinco propostas para a segunda fase
Nesta primeira fase, o xurado escolleu cinco propostas, que manteñen o seu anonimato e das que só se coñece o lema. Agora deberán desenvolverse ata o nivel de anteproxecto para se someteren posteriormente a unha segunda avaliación, da que sairá a proposta final.
O xurado valorou aspectos como que se incluíse a análise dos pavimentos do ámbito e as propostas para novos pavimentos; que as propostas sexan realistas e executables; ou a incorporación de elementos de renaturalización. No caso das recomendacións, o xurado estima que deben desenvolverse máis as cuestións relativas á mobilidade nalgunhas das propostas que pasan a esta segunda fase.
Tras esta primeira fase, as cinco finalistas terán un prazo de catro meses contados a partir da publicación do anuncio no perfil de contratación para desenvolver as ideas a nivel anteproxecto. Por este traballo, o proxecto gañador recibirá unha compensación económica de 50.000 euros e as catro restantes, 30.000 euros en concepto de accésit do concurso.
Sustentabilidade, conectividade e mobilidade peonil
A transformación deste ámbito farase de acordo con criterios de sustentabilidade ambiental e de coidado do espazo urbano, facilitando a mobilidade e un reparto máis equilibrado dos usos do espazo público. Este concurso internacional de ideas permitirá avanzar cara a un modelo urbano centrado na calidade de vida. Ademais de ser un conector lonxitudinal entre o norte e o sur da cidade flanqueado por grandes equipamentos públicos e privados, o ámbito obxecto deste concurso conecta tamén transversalmente o antigo recinto intramuros (a améndoa) con outros barrios históricos (como San Pedro ou Sar) e tamén co Ensanche.
A transformación do Conector Central permitirá superar o seu carácter de atallo para vehículos particulares que atravesan a cidade. A eliminación do tráfico superfluo permitirá gañar espazos de uso peonil.
Porén, o Conector Central vai moito máis alá da mobilidade. Preténdese mellorar a xestión do ciclo da auga mediante a introdución de sistemas de drenaxe e pavimentos permeables ante o cambio climático; crear unha infraestrutura verde para a mellora do ambiente urbano e a calidade do aire; e mellorar estética e funcionalmente os pavimentos e mais o mobiliario urbano.
Xurado
O xurado está conformado por nove persoas, profesionais de diferentes disciplinas. Presídeo o arquitecto urbanista José Mª Ezquiaga, de recoñecido prestixio, profesor titular de Urbanismo na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade Politécnica de Madrid e responsable do Grupo de Investigación “Nuevas Técnicas, Arquitectura, Ciudad” do mesmo centro. Con varios postos de responsabilidade ás súas costas no Concello e na Comunidade de Madrid, na súa dilatada traxectoria ten recibido recoñecementos como o Premio Nacional de Urbanismo (2005) e o Premio Europeo de Urbanismo (2012).
O secretario do xurado é José Manuel González García, secretario xeral do Pleno do Concello de Santiago. O xurado inclúe ademais un total de sete vogais: Antonio Ranedo Santillana, xefe do Servizo de Proxectos e Obras municipal; Esther Sánchez Espiñeira, xefa do Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística; Idoia Camiruaga Osés, arquitecta adscrita á Oficina Técnica do Consorcio de Santiago; Manuel María Chaín Pérez como técnico designado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Ignacio Cerrada Gonzalo, arquitecto designado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Miguel Fernández Solís, enxeñeiro designado polo Colexio de Camiños, Canais e Portos, e María Fandiño Iglesias como arquitecta designada polo Concello de Santiago de Compostela.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.