• A intervención permitirá transformar o edificio municipal nun referente de eficiencia enerxética, xa que acadará a cualificación A e reducirá o consumo en case un 50%
• O investimento total do plan EDIL ascende a 10,9 millóns de euros, o 60% dos cales proceden do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
O Concello de Carballo da un paso fundamental na execución da súa Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) coa saída a licitación da redacción do proxecto técnico para a rehabilitación integral da casa consistorial, o primeiro que sae a concurso dentro do Plan de Actuación Integrado “Carballo a man”, un ambicioso programa de transformación urbana cofinanciado pola Unión Europea que conta cun investimento total elixible de 10.912.878 euros.
A actuación prevista na casa do concello, un edificio construído en 1973, pretende atallar unha eficiencia enerxética obsoleta. O obxecto do contrato licitado é definir as solucións técnicas para convertela nun edificio de consumo case nulo, o que suporá reducir o seu gasto de enerxía primaria non renovable nun 49,82% (pasando de 136,29 a 68,39 kWh/m² ano).
As principais liñas de actuación que deberá definir o proxecto son:
• Mellora da envolvente: implantación dunha fachada transventilada e substitución total das carpintarías por sistemas de altas prestacións.
• Cuberta ecolóxica: execución dunha cuberta verde extensiva con sistemas de recollida e reutilización de pluviais.
• Enerxías renovables: integración de paneis fotovoltaicos para o autoconsumo do edificio.
• Iluminación de vangarda: renovación integral das instalacións con tecnoloxía LED de alta eficiencia.
Ademais da eficiencia, o proxecto abordará a eliminación de barreiras arquitectónicas e a mellora da sinalización para garantir a accesibilidade universal a un edificio que é a peza central dos servizos públicos municipais. Dada a súa importancia estratéxica e ao feito de que nel desenvolven o seu traballo diario case 120 persoas, o deseño final será obxecto de consulta co persoal municipal para acadar unha solución consensuada.
Con esta licitación, Carballo non só moderniza a súa sede administrativa, senón que cumpre cos seus obxectivos de sustentabilidade, adaptación ao cambio climático e fortalecemento da gobernanza local.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.