A carreira solidaria disputarase o 19 de abril cun percorrido de 10 quilómetros polo litoral entre Oleiros e A Coruña
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou esta mañá na presentación da cuarta edición da carreira 10K Costa Ártabra, unha cita xa consolidada no calendario deportivo galego que se celebrará o vindeiro domingo 19 de abril.
A proba volverá conectar os castelos de Santa Cruz, en Oleiros, e San Antón, na Coruña, a través dun percorrido de dez quilómetros a nivel do mar, integramente polo litoral, con saída ás 9.30 horas desde a rúa Carlos Manuel de Cépedes e meta situada no Parrote.
As inscricións continúan abertas a través da plataforma Carreiras Galegas e a día de hoxe son xa preto de 1.500 as persoas anotadas para participar nesta carreira, que mantén o seu carácter solidario. Os fondos recadados destinaranse á Asociación CASCO para apoiar o seu programa de deporte inclusivo e contribuír á unidade de VIH do CHUAC.
Durante a presentación púxose en valor o papel deste tipo de iniciativas na promoción de hábitos saudables e na construción dunha cidade máis inclusiva, en liña co compromiso do Goberno de Inés Rey co deporte como ferramenta de cohesión social.
A organización disporá de servizos de transporte para os participantes, gardaría, avituallamento e asistencia médica, ademais de ofrecer facilidades para familias numerosas e persoas con discapacidade. Tamén se habilitou a opción de dorsal solidario para aquelas persoas que desexen colaborar coa causa sen participar na proba.
A carreira, organizada polo Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO) e BOXFIT, renderá nesta edición homenaxe ao atleta olímpico coruñés Andrés Díaz, en recoñecemento á súa traxectoria deportiva internacional.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.