O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, asistiu á sesión celebrada este mércores no Ágora
O Concello da Coruña ten en marcha diferentes iniciativas para o fomento do uso da lingua galega entre a mocidade, nas idades máis temperás. Nese sentido, un dos programas que se están a levar a cabo é ‘Falamos’, que pretende promover a interacción entre a escola e a súa contorna para facer máis rendibles os recursos e os esforzos deses dous ámbitos en prol da normalización do galego. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, asistiu á primeira sesión deste mércores no Centro Sociocultural Ágora e agradeceu a alta participación dos centros educativos coruñeses nestas actividades de fomento do uso do galego..
“O Goberno de Inés Rey amosou sempre unha especial sensibilidade pola normalización da lingua galega, promovendo unha ordenanza que regula e prioriza o seu uso na administración, así como diferentes iniciativas orientadas á mocidade para fomentar o seu uso”, indicou Castro. Dentro deste programa, o auditorio do Centro Ágora acolle un total de dúas sesións do espectáculo ‘A feira das linguas’, de Lydia Botana, dirixidas ao alumnado de Primaria dos centros educativos da cidade.
Lydia Botana é unha música multiinstrumentista e educadora musical con ampla experiencia docente e creadora de múltiples proxectos artísticos. Esta actividade é un percorrido pola historia da lingua galega, a través da música e en clave de humor, xunto a diversas reivindicacións, moitas risas e emocións.
Entre os obxectivos deste programa municipal está promover a utilización da lingua galega nos centros de Educación Primaria da Coruña, asegurar a galeguización de todos os niveis do sistema educativo, tanto no ámbito docente coma no das relacións interpersoais entre os distintos membros da comunidade educativa; garantir que os produtos de máxima difusión e demanda poidan chegar en galego á sociedade galega, darlle ao alumnado unha visión útil e moderna da lingua galega e eliminar os prexuízos lingüísticos existentes na infancia sobre o galego.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.