O acto institucional puxo o foco na necesidade de avanzar en dereitos, oportunidades e coñecemento para combater a discriminación
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá no Salón de Sesións do Pazo Municipal de María Pita o acto institucional con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano, unha xornada de recoñecemento, visibilización e compromiso coa igualdade. No encontro participaron representantes da Fundación Secretariado Gitano e preto de trinta mozos e mozas xitanas da cidade, que tiveron un papel destacado no desenvolvemento do acto.
Durante a recepción, o mediador intercultural Santiago Barrul deu paso á lectura do comunicado elaborado polo grupo de participación xitana da Fundación Secretariado Gitano, no que se puxo o acento na necesidade de avanzar cara a unha igualdade real e efectiva, así como no recoñecemento pleno do pobo xitano como parte fundamental da sociedade. O texto incidiu tamén na importancia de combater os prexuízos e o antigitanismo e de garantir oportunidades en ámbitos clave como a educación, o emprego ou a igualdade de trato.
Na súa intervención, a alcaldesa destacou que A Coruña “é unha cidade aberta e diversa, construída desde a convivencia e o respecto”, e reafirmou o compromiso do Goberno municipal de seguir impulsando políticas públicas que favorezan a inclusión social, educativa e laboral. Rey subliñou tamén a importancia de traballar da man das entidades e das propias familias para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e cohesionada.
O acto concluíu coa audición do himno xitano, nunha xornada que serviu para reafirmar o compromiso institucional coa igualdade de dereitos, o recoñecemento e a promoción do pobo xitano, así como coa construción dunha cidade máis xusta e inclusiva.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.