Wednesday 08 de April de 2026

O PSdeG denuncia a parálise e a falta de transparencia do Goberno de Sanmartín na xestión dos aparcadoiros de Praza de Galicia e Praza de Vigo


Marta Abal advirte de incumprimentos na comisión de estudo, alerta da falta de modelo de xestión e cuestiona a previsión de ingresos do Goberno municipal, que cifra en 700.000€, ao considerar que “non ten respaldo en custos nin planificación”.

O grupo socialista esixe convocar con urxencia a comisión e que o Goberno da señora Sanmartín dea conta dos avances realizados, presente os resultados dos estudos encargados e defina con claridade o modelo de xestión.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a situación de “parálise e falta de transparencia” na xestión dos aparcadoiros da Praza de Galicia e da Praza de Vigo, que evidencia a falta de planificación do Goberno municipal, cando xa pasou case un ano desde a constitución da comisión de estudo sen avances visibles.

Abal lembrou que a comisión, creada o 25 de abril de 2025, tiña como obxectivo analizar o modelo máis axeitado de xestión unha vez finalizadas as concesións e establecía un réxime de sesións trimestrais. Porén, advertiu de que “non se volveu reunir nin unha soa vez”, malia que debía facelo en xullo e outubro de 2025 e en xaneiro de 2026, incumprindo así o funcionamento acordado.

A concelleira socialista denunciou tamén a falta de información sobre a contratación dunha consultaría externa para analizar as alternativas de xestión. “O Goberno municipal non deu conta das empresas ás que solicitou orzamento nin das seleccionadas”, sinalou, e advertiu de que “tampouco informou do contrato menor formalizado en xuño de 2025, cun prazo de execución de dous meses, cuxo resultado segue sen coñecerse”. Neste sentido, subliñou que esta situación “supón un incumprimento claro dos acordos adoptados na comisión”.

Abal cualificou a situación de “crítica e alarmante”, tendo en conta que a concesión do aparcadoiro da Praza de Galicia finalizou en xullo de 2025 e a da Praza de Vigo rematará en outubro deste ano, sen que exista a día de hoxe unha proposta clara sobre o modelo de xestión.
Neste contexto, a concelleira puxo o foco nas previsións recollidas no proxecto de orzamentos municipais, que contemplan arredor de 700.000€ de ingresos vinculados a estes aparcadoiros. “Son previsións que non teñen respaldo real”, advertiu, xa que “non se especifica cando comezarían a xerarse eses ingresos nin se contemplan os custos necesarios para prestar o servizo”, lembrando que o propio informe económico-financeiro xa cuestiona estas previsións.

Así, Abal subliñou que o orzamento non inclúe gastos de persoal, mantemento, investimentos nin tampouco previsións no caso de que a xestión se encomende á empresa pública TUSSA. “Non hai modelo de xestión definido, pero si ingresos previstos”, resumiu, nun exemplo claro de improvisación na xestión destes aparcadoiros.

A concelleira socialista advertiu tamén da situación da Praza de Vigo, que cualificou como “especialmente preocupante” pola falta de decisións do Goberno municipal. Neste sentido, lembrou que se trata dun dos aparcadoiros “máis caros de Santiago”, en particular nas estancias curtas, malia a súa localización estratéxica no Ensanche, e subliñou o seu potencial “para apoiar e dinamizar o comercio da zona”. Ademais, advertiu do risco de que a Praza de Vigo “acabe nunha situación precaria como a xa vivida na Praza de Galicia”.
Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista esixiu a convocatoria urxente da comisión de estudo para que o Goberno municipal “dea conta dos avances realizados, presente os resultados dos estudos encargados e defina con claridade o modelo de xestión”.
“Estamos ante unha oportunidade clave para mellorar un servizo importante para a cidade e para dinamizar o comercio, pero o que hai hoxe é falta de planificación, de transparencia e de decisións, nun momento no que o Goberno debería estar dando solucións e non xerando máis incerteza”, concluíu.

Deja un comentario