Manuel Mirás considera que o portavoz do PP é “un alumno aventaxado de Siverio”, que acumula máis de vinte anos de denuncias gratuítas e que nunca fixo nada positivo polo municipio
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, defende a súa obriga de informar en todas as xuntanzas que teña cos veciños e veciñas sobre os prexuízos que a oposición intenta ocasionarlle ao Concello mediante as “difamacións, denuncias infundadas, infamias e mentiras” que están difundindo estes días e coas que “non van conseguir nada”.
Mirás reitera que o PP de Oroso está detrás da recente denuncia presentada contra o Concello a raíz dun simple erro administrativo. O rexedor de Oroso afirma que para acudir ao xulgado o portavoz do PP “puxo un testaferro, e como é sabido isto dos testaferros é algo que lle gusta moito aos do PP, tanto aos de Oroso como os de toda España”.
Por iso, Mirás lamenta que tanto o PP como Anova opten por divulgar falsidades en vez de colaborar para lograr novos proxectos e avances positivos para o Concello. “O único que están facendo é tratar de enredar e paralizar todo o que se move”, apreza o alcalde, que ratifica que lles vai resultar “imposible someter a esta Alcaldía a un acoso continuado”.
“No caso de Siverio xa van máis de vinte anos con denuncia tras denuncia, con toda a súa vida en política sen facer nada polo pobo”, explica o rexedor. E agora o portavoz do PP, Alexánder Doval, aparece como “un alumno aventaxado de Siverio, e ademais con boa nota porque en seis meses púxose á súa altura denunciando e contando medidas a esgalla”.
O goberno indica que non desistirá na súa obriga de informar á veciñanza, fronte á pretensión da oposición de que estea calado, e empraza ao PP e a Anova a cambiar de actitude para conseguir entre todos melloras para o municipio.