Wednesday 08 de April de 2026

O Concello de Ortigueira segue reducindo o prazo de pago a provedores ata situalo en 9,09 días


O Concello de Ortigueira continúa avanzando na mellora da súa xestión económica, situando o período medio de pago a provedores en 9,09 días durante o primeiro trimestre de 2026, moi por baixo do prazo legal establecido en 30 días.

Este dato consolida a tendencia positiva do último ano, no que se produciu unha notable redución nos tempos de abono de facturas. Así, o período medio de pago pasou de 71,98 días no primeiro trimestre de 2025 a pouco máis de 10 días ao peche dese mesmo exercicio, ata alcanzar agora os 9,09 días.

O alcalde, Valentín Calvín, valorou esta evolución e subliñou que o obxectivo “é seguir traballando para reducir ao máximo o número de días nos que abonamos as facturas aos provedores” e defendeu que os datos “demostran o compromiso do Concello para mellorar a xestión administrativa e reducir os prazos de pago”. Así mesmo, quixo destacar e agradecer o traballo realizado polo persoal dos servizos económicos de Intervención e Tesourería, cuxa labor cualificó como “fundamental para lograr estes resultados”.

Deja un comentario