Wednesday 08 de April de 2026

O PSdeG denuncia o abandono do campo de fútbol da Merced en Conxo e esixe unha actuación urxente


O grupo socialista denuncia a falta de mantemento nunha instalación clave para o deporte base en Santiago e pide unha actuación inmediata e a planificación dunha renovación integral.

Marta Abal advirte de deficiencias nos vestiarios, na iluminación e no terreo de xogo.

O Grupo Municipal Socialista defendeu no último pleno unha moción para mellorar o estado das instalacións do campo de fútbol da Merced, en Conxo, unha iniciativa que foi aprobada.

A concelleira socialista, Marta Abal, advertiu de que se trata dun espazo “clave para o deporte base en Santiago”, utilizado a diario por centos de rapaces e rapazas, pero que na actualidade “non está nas condicións que merece”.

A concelleira denunciou que as instalacións levan tempo acumulando deficiencias, con “vestiarios con problemas, falta de condicións axeitadas, unha iluminación que xa deu incidencias e un terreo de xogo deteriorado”.

Neste sentido, alertou de que a situación do campo pode chegar a supoñer “un risco” para as persoas usuarias, especialmente tendo en conta o seu uso intensivo e subliñou que non se trata dun problema puntual, senón da consecuencia dunha “falta de mantemento continuada no tempo” nun equipamento fundamental para a cidade.

Por iso, o Grupo Municipal Socialista reclamou unha actuación decidida por parte do Goberno municipal, que pase por “resolver as urxencias e planificar dunha vez unha renovación integral das instalacións”. “Porque apostar polo deporte base non é só dicilo, é garantir que os rapaces e rapazas teñan espazos seguros e dignos onde practicar deporte”, afirmou a socialista.

Por último, Abal advertiu de dende as filas socialistas farán seguimento desta cuestión para que a mellora das instalacións do campo da Merced “se traduza en feitos e non quede nunha nova promesa incumprida”.

Deja un comentario