Wednesday 08 de April de 2026

O PP de Arzúa esixe transparencia ao BNG por unha obra denunciada que afecta á contorna familiar dunha concelleira


• Os populares denuncian falta de exemplaridade e posible dobre vara de medir no Concello
• Reclaman explicacións ante a inacción municipal e o atraso na tramitación do expediente urbanístico

O Partido Popular de Arzúa esixe explicacións ao goberno tripartito e, en particular, ao BNG, pola xestión dunha obra denunciada polos populares o pasado mes de xuño e que afecta á contorna familiar da concelleira nacionalista Lucía López, e responsable de organización do todo o partido en Galicia. Segundo indican, tras meses sen resposta efectiva, a situación evidencia “unha preocupante falta de transparencia e unha clara sensación de trato desigual nos veciños”.
O PP lembra que foi en xuño cando puxo en coñecemento do Concello uns feitos presuntamente irregulares, recibíndose esta semana unha notificación de incoación de expediente que apuntaba a unha posible infracción urbanística. “O máis grave non é só o que se poida ter feito, senón o que non se fixo desde o Concello durante meses”, sinalou o portavoz popular, Rafael Rivadulla.
Segundo explican, ante a ausencia de información e actuación municipal, o Partido Popular reiterou as súas solicitudes de acceso ao expediente e, finalmente, presentou unha denuncia no mes de agosto. Non foi até outubro cando se realizou unha visita de inspección, na que se constatou que os cambios realizados non contaban coa correspondente licenza e poderían constituír unha infracción urbanística.
Para os populares, este caso evidencia un problema de fondo na xestión municipal. “Non temos un interese particular nesta obra, pero si na forma na que se están facendo as cousas no Concello, con veciños que teñen que esperar meses ou anos por unha licenza mentres noutros casos parece que hai unha actitude moito máis permisiva”, indicou Rivadulla.
O portavoz popular puxo o foco na responsabilidade política do goberno local: “Non é aceptable a falta de exemplaridade cando falamos dun cargo público e da súa contorna. O goberno ten a obriga de ser especialmente escrupuloso nestes casos e non dar pé a dúbidas”.
Ademais, o PP cuestiona o papel da alcaldía e do conxunto do tripartito. “Debe aclararse se o alcalde coñecía estes feitos, se mirou para outro lado ou se simplemente non actuou con dilixencia. A alcaldía non pode ampararse na pasividade”, afirmou.
Os populares tamén denuncian un claro déficit de transparencia. “Levamos meses solicitando información e a pesares de ter aportado fotografías, a primeira resposta do alcalde foi copia dunha licenza de 2020, que nada tiña que ver coa denunciada. Esa primeira resposta evasiva e posteriores silencios só contribúen a aumentar as sospeitas e a deteriorar a confianza dos veciños na institución”, subliñou Rivadulla.
Finalmente, o Partido Popular de Arzúa reclama unha explicación pública por parte do goberno municipal. “Os veciños merecen saber que está pasando e comprobar que non hai unha dobre vara de medir. O abandono do Concello e a falta de xestión non poden seguir sendo a norma, e menos aínda cando hai posibles intereses particulares polo medio”, concluíu.

Deja un comentario