A presentación terá lugar este sábado 11 de abril, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Lousame
O auditorio da Casa da Cultura Santeiros de Chave de Lousame acollerá este sábado 11 de abril, ás 19:30 horas, a presentación do libro “Sentimentos”, editado por Esperanza Piñeiro Abeijón, veciña de Tállara (Lousame). Un acto que foi presentado esta mañá pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, e a propia autora, acompañadas polos técnicos municipais de Cultura, Eduardo Agraso e Teresa Baluja, e o técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral.
Silvia Agrafojo aproveitou para felicitar a Esperanza “pola edición do seu primeiro poemario. É unha persoa moi valente por dar este paso” e convidou á veciñanza a asistir o próximo sábado á presentación do libro. “Esperanza é unha persoa moi activa en Lousame, sempre disposta a colaborar polo que para nós é un valor engadido esta presentación”, apuntou a concelleira, quen salientou que “estamos moi orgullosos dela e do seu libro”. Así mesmo, comentou que “contábanos antes de empezar a presentación que é o primeiro, pero que xa ten en momento facer máis. De momento, imos desfrutar deste primeiro poemario, darche a noraboa e agardar por próximas publicacións”.
Biografía en verso
Pola súa banda, Esperanza Piñeiro amosouse “moi agradecida polo apoio” e asegurou que “este é un libro que me facía moita ilusión facelo, dende hai moitos anos, e por fin ve a luz. É un libro que está baseado nas miñas experiencias, nas miñas alegrías, nas miñas penas, nas miñas ilusións… É coma se fora unha biografía, en verso”. Neste sentido, explicou que o libro está composto por “poemas pequeniños e se algún deles vos chega un pouquiño ao corazón, sentireime plena. Sentirei que valeu a pena todos estes anos de espera”.
Así, unha moi nerviosa Esperanza indicou que “non son máis ca unha muller que observa, sente e agradece. O que aquí deixo é o que vivín e o que me fixo ser quen son. Cada poema é un anaco da miña alma, escrito sen presa e con verdade”.
Presentación
Finalmente, Eduardo Agraso destacou que “dende o Departamento de Cultura do Concello de Lousame estamos encantados de que Esperanza contara con nós para presentar a súa primeira obra”, poñendo en valor que “unha persoa se abra e que exprese os seus sentimentos, os publique e os comparta cos demais. É un diario de vida e seguro que lle chega a todos os veciños e veciños”, aos que convidou a participar na presentación do próximo sábado 11 de abril, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Lousame.
Durante a presentación, Esperanza Piñeiro dará lectura a algúns dos seus poemas, ademais de explicar polo miúdo como xurdiron as distintas composicións que integran este seu primeiro libro. Dous deses poemas foron musicados por Javier Seijas, quen os interpretará durante a presentación. O acto rematará coa sinatura de exemplares do libro “Sentimentos”, xa á venda en Amazon e cuxos exemplares tamén se poderán adquirir durante a presentación. O libro, de 205 páxinas, está editado en tapa branda e pode adquirirse por 15,59 euros en Amazon.es.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.