Tuesday 07 de April de 2026

A Xunta promove a creación dixital galega e en galego a través do Festival Carballo Interplay


— A cita consolida os seus espazos para a creación na lingua propia, con propostas específicas, certames de creación e destinadas a canles, así como un novo impulso ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais

— Reunirá algunhas das voces galegas con maior proxección no actual ecosistema dixital e cultural, como Lorena Iglesias, Raquel Piñeiro, Salseología, Marina G. Canedo ou Prado Rúa

— Ofrecerá por primeira vez en Galicia iniciativas como ‘Rajando con… Bimboficadas’, con Samantha Hudson e María Barrier, ou o podcast ‘Pop y Muerte’, de Kiko Amat e Benja Villegas

O Carballo Interplay desenvolverá do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo a súa 13ª edición cun programa de 32 actividades arredor da creación dixital contemporánea, das series en pequeno formato, a cultura de internet e a reflexión sobre os novos modos de comunicar na rede. Así se deu a coñecer hoxe na presentación celebrada no Museo de Bergantiños, na que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, xunto ás codirectoras do festival, Sonia Méndez e Andrea Villa, e representantes do Concello de Carballo.

O certame reforza especialmente este ano a presenza do galego como lingua de creación, conversa e pensamento no ecosistema dixital, cunha programación específica arredor dos contidos no noso idioma nas redes sociais, accións formativas para a mocidade, premios dirixidos a recoñecer o talento que crea na nosa lingua e novas oportunidades para a produción de proxectos audiovisuais nados no ámbito dixital. Ao tempo, volverá combinar entretemento, análise, industria e comunidade nunha proposta ampla e transversal que confirma a singularidade do encontro.

O Carballo Interplay vén contando nas súas pasadas edicións co apoio da Xunta a través da convocatoria de subvencións para festivais audiovisuais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dotada en 2026 con 310.000 euros para contribuír á organización de citas estratéxicas para o sector en Galicia e actualmente en trámite de resolución.

Visibilidade e impulso
No acto de presentación, Jacobo Sutil destacou a súa capacidade para “anticiparse aos cambios do ecosistema dixital” e convertelos nunha programación “útil, atractiva e conectada co presente”. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo tamén o acento no valor do festival como “plataforma de visibilidade e impulso para novas xeracións de creadoras e creadores”, especialmente no eido dos contidos en galego, e subliñou a súa fortaleza á hora de situar a creación dixital “como un ámbito central da cultura contemporánea”, con capacidade para “xerar industria, abrir conversacións relevantes e conectar coa mocidade desde formatos e linguaxes propias”.

De feito, un dos sinais máis recoñecibles en Carballo Interplay 2026 é o protagonismo estrutural da creación dixital en galego, presente tanto en actividades de reflexión e conversa como nos certames do festival. A programación do xoves 16 de abril incidirá especialmente nesta liña cunha xornada arredor da lingua nas redes, na que participarán máis de 350 alumnas e alumnos de centros de ensino secundario.

Ese día desenvolveranse a conversa Sobrevivir en galego nas redes sociais, con Prado Rúa e Konachadas, e o obradoiro Radicalmente online – Activismo en redes sociais, impartido por Marina G. Canedo. A proposta complétase coa presentación do número cinco da revista Clara Corbelhe, arredor do artigo ‘Scroll, lingua, nación: a galeguidade política nas redes na era TikTok’, coa participación de Malva F. R. e Élia Lago.

Tamén volverán ocupar un lugar destacado os certames de creación dixital en galego. O Premio á Produción de Contido Dixital en Galego concederá 3.000 euros para o desenvolvemento do proxecto gañador, mentres que os galardóns á Mellor Canle e á Mellor Creadora ou Creador recoñecerán con 600 euros cada categoría. Estes dous galardóns acadaron este ano unha participación de 35 proxectos, a cifra máis alta ata o momento, o que confirma o dinamismo e o crecemento deste ámbito creativo.

Programa amplo e transversal
O Carballo Interplay estrutúrase en oito bloques e 32 actividades, nunha combinación de sección oficial, estreas, shows e podcast en directo, contidos de creación galega, obradoiros, faladoiros profesionais, paneis e música ao vivo. A súa Sección Oficial volverá ser un dos grandes piares do festival con 19 series, 17 delas procedentes de 10 países, co que se consolida a proxección exterior do certame e o seu papel como escaparate de novas narrativas no audiovisual dixital. A programación incluirá a preestrea en Galicia de Millennial Mal, da galega Lorena Iglesias; a presentación de Epidemia Invisible, de Román Varela, gañadora do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego na pasada edición; e a proxección infantil da serie galega de animación PIPO.

O festival reunirá tamén directos, podcast e propostas creadas especificamente para esta edición, como Rajando con… Bimboficadas, Pop y Muerte, Sexo en Nueva York Podcast, I’ll see you in my dreams. Twin Peaks e Plot Twins. Duplicadas por guión, achegando por primeira vez a Galicia algunhas das voces máis destacadas do panorama dixital estatal. A actividade prevista inclúe Zona PRO, os paneis sobre IA, divulgación de novos formatos, e o concerto de Pantis.

Deja un comentario