O Concello de Brión convoca unha nova edición dos seus cursos de formación para incorporarse ás cociñas colaborativas do coworking “Transformando en Brión”, pertencente á Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña. Un cursos que terán lugar entre o 10 e o 29 de abril, tempo no que o alumnado aprenderá a manexar os equipos dispoñibles nas instalacións do centro comercial Montebalado para poder así elaborar os seus produtos coas maiores garantías sanitarias e vendelos directamente a particulares, empresas, colexios…
Así, os futuros produtores e produtoras recibirán formación teórica e práctica sobre limpeza e desinfección das instalacións. Ademais, para facilitar o envasado e venda dos seus produtos, aprenderán tamén a utilizar ferramentas informáticas, a demostrar a trazabilidade das súas elaboracións e coñecerán que documentación precisarán para comercializalas. Finalmente, e para poñer en valor a iniciativa, o alumnado será consciente tamén dos custos que supón a utilización destas instalacións de Montebalado, postas en marcha polo Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela.
Inscricións
As inscricións están abertas ata o 9 de abril en emprego@concellodebrion.gal ou no teléfono 981 88 70 06 (Ext. 47). A cota de inscrición é de 50 euros. O curso está organizado polo Concello de Brión, que conta co apoio da Deputación da Coruña, a través da Rede Provincial de Espazos de Traballo, e da asociación Daquídarredor, formada por usuarios do coworking e que xestionan estas instalacións.
O espazo colaborativo brionés comezou a funcionar en 2019 e desde entón a súa demanda non fixo máis que aumentar. A maioría delas pertencen ao municipio de Brión e municipios veciños, como Ames, Negreira ou Rois, pero tamén hai unha significativa presenza de produtores das comarcas de Santiago, Barbanza e Terra de Soneira, así como de lugares tan distantes como Ourense ou Vigo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.