O ciclo desenvolverase nos próximos meses en salas de concertos e espazos municipais da cidade
O Ciclo Metropolitano de música e artes pola igualdade chega á súa 9ª edición con novidades. A principal é que a nova directora é Silvia Penide que sustitúe a Yolanda Villa, que pasa a ser directora honorífica do ciclo como impulsora do mesmo en 2018. Na anterior edición foron máis de 3.500 persoas as que asistiron as máis de 20 actividades programadas nos sete concellos participantes: A Coruña, Arteixo, Betanzos, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.
Na Coruña están previstos, como mínimo, 10 eventos con 13 mulleres artistas como protagonistas. Serán nas salas de concertos Garufa Club, Jazz Filloa e Mardi Gras, na praza de Azcárraga, na Casa Museo María Pita, na Casa Museo Casares Quiroga, no Auditorio da Domus e no Teatro Colón, onde foi presentado o ciclo esta mañá polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. “É preciso fomentar a presenza das mulleres como referentes das artes escénicas a través de iniciativas coma esta, apoyada polo Goberno de Inés Rey ao longo destes anos e para a que abrimos numerosos espazos municipais”, indicou Castro.
Na Sala Mardi Gras xa están confirmadas tres actuacións: Georgina ofrecerá este xoves 9 deabril o concerto de presentación do ciclo, no que se sortearán entradas para algúns dos seguintes eventos. Será ás 21.30 horas. As entradas anticipadas poden mercarse en entradium.com, tamén haberá na propia sala o día do concerto.
O 25 de maio haberá un concerto moi especial en Garufa Club coa norteamericana Scarlet Rivera. É a intérprete do solo de violín máis lembrado da música popular dos anos 70, o da canción ‘Hurricane’ de Bob Dylan. A norteamericana estivo en todo o disco ‘Desire’ e en toda a xira ‘Rolling Thunder Revue’. Ela vén con Rob Stoner, baixista naquela etapa con Dylan e director artístico do seguinte disco, ‘Hard Rain’. As entradas sairán nuns días á venda.
Elas Son Artistas continuará durante os seguintes meses con actuacións, obradoiros ou exposicións ata chegar ao domingo 29 de novembro, día no que o Teatro Colón acollerá a clausura do ciclo co concerto da madrileña EDE. Unha artista que xirou con Xoel López durante dous anos e que ten novo disco: ‘Fieralinda’. Dende New York virá un trío que ama a música dos anos 60: Tchotchke. Cun último disco producido polos Lemon Twigs, gozan e fan gozar dende o escenario. Será o mércores 27 de maio. Outras confirmaciones destacadas son Stacy Antonel, dende San Diego, California. Estará en Mardi Gras o 29 de xuño. Tamén estará en Garufa Club outra artista que desborda talento: Rosalie Cunningham. Estará na Coruña o 8 de outubro.
Unha actividade emocionante vivirase no auditorio da Domus, en data aínda sen confirmar e na que Gosia Trebacz participa por segunda vez no ciclo. Contarase tamén con Blanca Trigo cun recital ilustrado por Octavia Russo.
Outra das novidades deste ano é que a exposición da Casa Museo María Pita durante todo o mes de agosto será unha extensión de Viñetas desde o Atlántico. A protagonista desta exposición será a obra da coruñesa Xulia Pisón. Non faltarán a actuación de música e pintura en directo na Praza de Azcárraga nin un obradoiro gratuito na Casa Museo Casares Quiroga.
O ciclo complétase, un ano máis, con actuacións nos concellos da área metropolitana durante os vindeiros meses.
Artistas do día a día
Nesta edición escolleranse nove mulleres, unha por cada edición que leva o ciclo para facerlle unha pequena reportaxe e poñer en valor as mulleres artistas na súa profesión (sexa cal sexa) no día a día. Serán seleccionadas 6 dos diversos concellos e 3 da Coruña.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.