Tras o anuncio da toma de posesión dos terreos publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, os titulares poderán acceder xa ás novas fincas de reemplazo
Coa publicación hoxe no DOG do anuncio da toma de posesión dos terreos, a Xunta dá por rematada a concentración parcelaria nos concellos de Narón e Valdoviño. Deste xeito, conclúe un proceso no que se investiron 2.409.189,43 euros e que comezou, coa presentación das súas primeiras bases, no ano 1998.
Por este motivo, o xefe territorial da Consellería de Medio Rural, Manuel Rodríguez Vázquez, acudirá mañá xoves a estes concellos co obxectivo de informar aos veciños sobre os trámites da recta final da concentración parcelaria unha vez que están rematados os traballos de colocación de marcos e preparación da nova rede de camiños.
As reunións informativas, ás que poderán acudir todos os interesados nesta cuestión, terán lugar ás 12 horas no local social de O Val (Narón), e a partir das 16 horas na sede da asociación de veciños de Lago (Valdoviño).
O xefe territorial de Medio Rural informará aos asistentes de que a toma de posesión provisional supón a posta a disposición dos veciños dos novos predios con diferentes prazos, segundo sexan zonas de monte ou estean pendentes de retirar as colleitas. Ademais, neste acto, confírese o dereito de explotación das novas fincas e se outorgan os dereitos de defensa da posesión das leiras con todos os medios que admite o ordenamento xurídico.
A partir da toma de posesión, os propietarios poden medir as novas fincas, e se observan que existen diferenzas superiores ao 2% entre a superficie real e a que consta nos expedientes, os afectados teñen 60 días de prazo para facer reclamacións ante a Consellería de Medio Rural antes de afrontar a fase definitiva de elaboración dos títulos de propiedade e a súa posterior inscrición no rexistro.
A concentración parcelaria de O Val-Meirás-Lago incluíu un total de 1.187,37 hectáreas, repartidas en 7.450 parcelas pertencentes a 2.060 propietarios. Coa conclusión do proceso, quedan establecidas 3.166 fincas. Ademais, durante estes anos, se abriron ou melloraron un total de 50,50 quilómetros de rede viaria, o que facilita notablemente as comunicacións nos núcleos rurais.