Marta Abal advirte de que a maioría dos núcleos rurais seguen sen servizos básicos como saneamento e abastecemento.
O grupo socialista reclama “feitos e prazos concretos” para garantir igualdade de oportunidades no rural e esixe un compromiso real do Goberno de Sanmartín para frear o despoboamento.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a falta de avances no cumprimento do Pacto polo Rural, máis de tres anos despois da súa aprobación, e advertiu de que a situación actual evidencia “unha clara falta de compromiso do Goberno municipal co rural de Santiago”.
Abal lembrou que, tal e como vén de sinalar a Federación de Asociacións Veciñais do Rural (FERUSA), “non houbo avances reais” na execución dos compromisos adquiridos, unha situación sobre a que o PSdeG leva tempo alertando.
A concelleira socialista puxo o foco na falta de investimento en servizos básicos e destacou que “a día de hoxe só 70 dos 215 núcleos rurais contan con saneamento e abastecemento”, o que evidencia, ao seu xuízo, “unha desigualdade inaceptable entre o rural e o urbano”. Neste sentido, advertiu de que “non se pode frear o despoboamento do rural sen un verdadeiro compromiso que vaia máis alá das boas palabras e se traduza en actuacións concretas”.
Abal subliñou que a cidadanía do rural “ten dereito a un trato en igualdade de oportunidades”, que garanta solucións ás súas necesidades en ámbitos como a mobilidade, os servizos básicos, a protección do medio ambiente, o desenvolvemento económico e a calidade de vida. Por iso, o Grupo Municipal Socialista esixiu ao Goberno local un cambio de rumbo e reclamou “un compromiso real coa transformación do rural”, baseado en medidas concretas, con planificación e prazos definidos. “Sen feitos nin prazos, o Pacto polo Rural queda nunha declaración de intencións sen efectos reais”, advertiu.
Por último, Abal insistiu en que Santiago precisa “un rural vivo e con futuro”, e asegurou que as e os socialistas continuarán esixindo medidas que garantan o seu desenvolvemento e a igualdade de oportunidades para todos os veciños e veciñas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.