• As actuacións inclúen a extensión da rede de saneamento en Rus e Goiáns, melloras en Oza e a ampliación do abastecemento de auga na parroquia de Rus
• O obxectivo principal é mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e garantir o cumprimento das normativas ambientais
O Concello de Carballo continúa coa súa folla de ruta para completar e modernizar os servizos básicos no rural. Nestes momentos están en marcha catro novos proxectos, cun investimento total que supera os 900.000 euros e que permitirá mellorar o saneamento e o abastecemento de auga potable en diversas parroquias.
En total, estas intervencións permitirán a execución de máis de 9 quilómetros de novas redes de abastecemento e saneamento.
Ampliación da rede de abastecemento na parroquia de Rus
As obras de ampliación da rede de abastecemento de auga na parroquia de Rus, que teñen un orzamento de 314.999,99 euros, atópanse en execución.
O proxecto permitirá estender a rede municipal a núcleos que non contaban con servizo completo e mellorar a presión e fiabilidade do sistema. As actuacións benefician directamente aos lugares de O Pereiro, O Val, A Vixoteira, Nogareda, A Canosa, Liñares, Ramil, Braña de Abaixo, Braña de Arriba, Casal de Perros e os distintos núcleos de Outeiro.
Os traballos inclúen a instalación de preto de 4,8 quilómetros de novas conducións, así como a execución de gabias, colocación de arquetas e válvulas e a reposición dos pavimentos afectados. Ademais, instalaranse grupos de presión, equipos de telexestión e sistemas de medición que permitirán optimizar a xestión da rede e garantir un servizo máis eficiente.
Ampliación do saneamento na Canosa
De forma paralela, o Concello ten en marcha a contratación das obras de ampliación da rede de saneamento no lugar da Canosa, tamén na parroquia de Rus. O proxecto, valorado en 75.135,07 €, permitirá corrixir o problema de verteduras ao río Grande e completar a rede cun sistema eficiente e acorde á normativa ambiental vixente.
A actuación inclúe a execución dunha nova rede separativa de augas residuais, con preto de 275 metros de conducións, a instalación dunha estación de bombeo e a impulsión das augas ata a rede existente que conduce á depuradora de Noví.
As ofertas presentadas polas empresas están en fase de avaliación.
Saneamento en Bas (Goiáns)
Outra das actuacións incluídas neste plan é a ampliación da rede de saneamento no lugar de Bas, na parroquia de Goiáns, cun orzamento de 162.486,89 €.
O proxecto abrangue a execución dun novo tramo de rede de aproximadamente 1,2 quilómetros, que permitirá conducir as augas residuais ata a rede existente en Ramil e, desde alí, ata a depuradora do Espiño, polo que se estende a zonas limítrofes da parroquia de Sísamo para garantir unha correcta xestión das augas residuais en toda a zona.
Na actualidade, as ofertas presentadas para a execución desta obra atópanse en fase de avaliación.
Melloras do saneamento en varias parroquias do municipio
Dentro do plan de investimentos hidráulicos, o Concello licitou tamén o proxecto de ampliación e mellora da rede de saneamento nas parroquias de Rus, Carballo, Oza e outras, cun orzamento de 364.928,28 €.
Este proxecto abrangue 10 intervencións específicas que suman 2.845 metros de novas conducións:
• Saneamento no rural: novas redes en Periscal de Abaixo (947 m con bombeo e impulsión de 470 m), O Seixal (578 m), a Escola Unitaria de Oza (615 m) e Oza (100 m). Tamén se elimina a fosa séptica de Rebordelos cun novo bombeo.
• Melloras urbanas: novas redes de pluviais nas rúas Isidro Parga Pondal, Gran Vía e Tomiño (230 m totais) para evitar anegamentos, e servizos de auga e saneamento na rúa Ramón Louzao (173 m).
• Medio ambiente: renovación da EBAR (estación de bombeo de augas residuais) de Canosa e melloras na ETAP (estación de tratamento de auga potable) de Bardoso-Carral para recircular augas de lavado e protexer o Rego Bardoso.
Esta actuación, en definitiva, permitirá intervir en dez puntos da rede municipal nos que se detectaron deficiencias, e incluirá a mellora de sistemas de bombeo, a creación de novas redes de saneamento en zonas sen servizo, a separación de redes unitarias en pluviais e fecais e a eliminación de vertidos.
O prazo para a presentación de ofertas rematou o 30 de marzo.
Compromiso co medio ambiente e o rural
Con estas intervencións, o Concello de Carballo non só busca ampliar a cobertura de servizos, senón tamén eliminar puntos de vertedura incontrolada e asegurar que as parroquias conten con infraestruturas do século XXI. “O noso compromiso é que todos os carballeses e carballesas, vivan onde vivan, teñan acceso a uns servizos públicos de calidade”, sinala o alcalde, Daniel Pérez.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.