• A entrada a todas as sesión será de balde ata completar aforo.
A Concellería de Cultura do Concello de Carral organiza unha nova edición do Ciclo de Cine Documental Galego, que acada xa a súa quinta edición consolidándose como unha cita destacada dentro da programación cultural municipal.
As proxeccións terán lugar na Casa da Cultura e desenvolveranse en tres sesións que comezarán ás 20:00 horas. O ciclo abrirase o xoves 9 de abril coa proxección de ‘Crónicas dun non’, un documental que aborda a historia do movemento da insubmisión. A través da experiencia persoal do seu director, Fernando Rodríguez Gómez “Peñaño”, o filme relata como, desde 1989, numerosos mozos se negaron a realizar o Servizo Militar Obrigatorio e a Prestación Social Sustitutoria. O propio director, que foi detido, xulgado e condenado a un ano de prisión pola súa negativa a incorporarse ao exército, estará presente na sesión para participar nun coloquio co público.
Unha semana despois, o 16 de abril, será a quenda de ‘Onde máis doe’, de Manane Rodríguez. Este documental afonda na violencia vicaria a través dun caso estremecedor no que un home asasina ao seu fillo de 11 anos co obxectivo de causar o maior dano posible á nai. A directora estará presente para presentar o filme e manter unha conversa coas persoas asistentes.
O ciclo pecharase o xoves 23 de abril coa proxección de ‘Basal’, un docudisco que ofrece un retrato íntimo da cantautora Ugia Pedreira, coñecida como A Pedreira, e da súa filla Lúa Awel, quen ten parálise cerebral e mantén unha relación singular coa música. O documental percorre diferentes momentos da súa vida, desde as sesións de Feldenkrais en Donostia ata a gravación do álbum Basal, construíndo unha narración cargada de sensibilidade, tenrura e forza visual e sonora. Esta sesión será posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña.
A entrada a todas as sesións será de balde ata completar a capacidade da sala.
Esta programación conta coa colaboración da Rede de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.