A parada de autobús metropolitano trasladarase á rúa Manuel Casás. Tanto o tráfico nos Cantóns como as zonas de carga e descarga mantéñense como ata agora
O proxecto de remodelación dos Cantóns, que está a cambiar a cara dunha das zonas máis recoñecibles e emblemáticas do centro da cidade, entrará o próximo luns, 13 de abril, nunha nova fase, co peche ao tráfico de Entrexardíns e o traslado da súa parada de autobús metropolitano á nova localización na rúa Manuel Casás.
Este novo paso na obra comeza o proceso de peonalización e unión do conxunto dos xardíns e persegue a integración dos dous tramos diferenciados, para lles dar unidade conxunta ás partes e acadar uns percorridos esteticamente máis coherentes. Esta actuación en Entrexardíns e o treito final da rúa Santa Catalina unificará percorridos e vistas nunha mesma aliñación e formará un paseo peonil orientado á entrada do porto.
“A obra dos Cantóns é unha das máis importantes e representativas das que temos en marcha, porque foi un compromiso co cambio, coa tarefa de poñer rumbo cara a unha cidade que non soamente sexa máis coherente e atractiva desde o punto de vista estético, senón que persiga tamén criterios de comodidade, accesibilidade e sustentabilidade”, subliñou a alcaldesa, Inés Rey.
A formulación desta parte da actuación, tal e como figura na redacción do proxecto, busca concretar un nexo de unión entre as dúas metades de Méndez Núñez, hoxe separadas por Entrexardíns, e facer o tramo accesible aos peóns e peoas utilizando a zona onde hoxe se sitúa a parada de autobús como espazo de transición entre o espazo do xardín romántico e o do parque.
O corte de Entrexardíns e o traslado da parada do bus son as modificacións na mobilidade da zona nesta fase da obra. Polo demais, o tráfico mantense como ata agora en ambas as direccións, tanto no Cantón Grande como no Pequeno, e as zonas de carga e descarga seguirán estando situadas na rúa Nova e en Durán Loriga.
“A gran remodelación dos Cantóns avanza a bo ritmo para ofrecer aos coruñeses e coruñesas unha zona de paseo nunha localización inmellorable, conectada tanto co mar pola súa proximidade ao porto como coa actividade lúdica e comercial do centro”, apuntou a alcaldesa, que recordou tamén que con esta actuación os xardíns de Méndez Núñez serán, por fin, un único xardín sen estradas que o dividan.
A obra de remodelación dos Cantóns xa superou o pasado mes de marzo o seu ecuador, coa renovación dun total de máis de 12.000 metros cadrados de pavimento nas súas diferentes fases.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.