Tuesday 07 de April de 2026

Memorias dun neno labrego de Neira Vilas este sábado en Mera


Memorias dun neno labrego, de Contraproduccións, chega ao auditorio Gabriel García Márquez este sábado 11 de abril ás 20:30 horas.

Unha nova versión teatral da recoñecida obra de Xosé Neira Vilas, dirixida por Cándido Pazó, presentarase no García Márquez o sábado 11 de abril ás 20:30 horas.

O protagonista, Balbino; é un neno de aldea fillo de labregos pobres que medra nun mundo de silencios, traballo e obediencia. Neste espectáculo, séguese a través da súa voz sincera e sensible a narración da vida cotiá nunha aldea galega dos anos corenta: a escola, a familia, os soños frustrados, as inxustizas sociais e o desexo constante de fuxir dun destino xa escrito.

A historia desenvólvese a través dunha serie de lembranzas que van desde a tenrura da infancia ata a crúa conciencia das desigualdades. O espectáculo dálles vida aos episodios máis representativos da novela de Neira Vilas: o maltrato escolar, a perda do amigo ou dun animal querido, a frustración do primeiro amor, a dureza do traballo, a emigración, a represión da expresión e a tristura de sentirse diferente nun mundo que non admite preguntas; pero tamén os costumes e celebracións festivas da aldea, e as esperanzas e alegrías que, a pesar de todo, ofrece a vida.

A memoria persoal do neno labrego preséntase como unha memoria colectiva, a desa Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, nun espectáculo que pon en primeiro termo a emoción, pero tamén o humor e a relación directa e amena co público.

O espectáculo está dirixido público adulto (maiores de 14 anos) e o custe da entrada é de 6,00 euros. A compra anticipada das entradas pode realizarse a través da plataforma electrónica (giglon.com) e na billeteira do auditorio desde unha hora antes do comezo de cada espectáculo. O pagamento na billeteira só se poderá realizar a través de tarxeta bancaria.

Deja un comentario