Friday 22 de November de 2024

Santiago logra o mellor dato de pernoctacións no 1º trimestre dende o Ano Santo 2010


Os datos da enquisa de ocupación hoteleira do INE do primeiro trimestre amosan que a demanda turística de Santiago continúa coa súa recuperación. Nos primeiros tres meses do ano, os estabelecementos hoteleiros da cidade rexistraron 163.973 pernoctacións, que representan un aumento do 13,09% con respecto ao primeiro trimestre do ano pasado. É o mellor dato neste período dende o ano 2010, cando se celebrou o último Ano Santo.

Os bos datos do primeiro trimestre na cidade apoiáronse nun importante aumento do turismo doméstico, que parece indicar que neste 2016, logo de varios anos de estancamento, pode vivirse unha recuperación substantiva deste mercado. En total, houbo 118.360 pernoctacións de turistas domésticos, cun crecemento do 15,39%.

Ademais, o turismo internacional continúa crecendo na cidade de xeito constante, tamén durante a temporada baixa. Nos tres primeiros meses do ano, os turistas foráneos xeraron 45.613 noites nos estabelecementos hoteleiros da cidade, cun crecemento do 7,52% respecto ao ano pasado. É o mellor dato da serie histórica do INE do turismo internacional na cidade neste período.

Os datos acumulados de pernoctacións do INE na cidade no primeiro trimestre van tamén na liña dos bos resultados que se están obtendo no aeroporto de Santiago neste ano. Segundo os datos de AENA, no primeiro trimestre rozáronse o medio millón de pasaxeiros, cun crecemento do 23,2% respecto do primeiro trimestre do ano pasado.