— A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude distribúe estas axudas entre citas especializadas en teatro, monicreques, circo, danza, improvisación e monólogos
— A convocatoria deste ano incrementou a súa dotación nun 3,5 % respecto a 2025
— O apoio do Goberno galego reforzará o papel destes encontros na dinamización cultural e na proxección dos espectáculos de produción galega
A Xunta resolveu a concesión das subvencións a festivais profesionais de artes escénicas, polas que distribúe este ano 290.000 euros entre 13 citas que se desenvolven nas catro provincias galegas e que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reforza o apoio a encontros considerados estratéxicos pola súa capacidade para dinamizar cultural e economicamente as súas contornas e para ampliar a proxección social da produción escénica de Galicia.
A convocatoria de 2026 incrementou nun 3,5 % a dotación destinada a estes eventos respecto da partida disposta en 2025 e mantivo entre os seus requisitos a celebración de cando menos dúas edicións anteriores, a programación mínima de seis compañías e unha aposta significativa pola contratación artística galega, entre outros criterios. Contribúese así á continuidade deste tipo de festivais, moitos deles con traxectorias organizativas de varias décadas como pezas clave no contexto e na evolución do sistema teatral galego.
Diversidade de propostas
A 43ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que xa ten anunciada a súa vindeira celebración do 21 de xuño ao 5 de xullo, convértese no encontro que recibe a maior achega, con 55.388 euros, mentres que o 35º Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, que centra cada ano a maior parte da súa carteleira no mes de outubro, contará con 47.311 euros.
A través destas axudas, o Goberno galego subvenciona tamén tres festivais de teatro de monicreques: o XXXI Festival Internacional Galicreques de Santiago de Compostela, que se celebrará en outubro e recibe 37.210 euros; o XI Titiriberia de Rianxo, que se desenvolve en agosto e contará con 20.509 euros da Xunta; e o XXVII Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo, que recibirá 24.145 euros para a súa nova edición vindeiro mes de maio.
Entre as propostas tamén figuran o XI Festival Singular. Festival Internacional do Monólogo Teatral de Narón, con 24.704 euros, celebrado o pasado mes de marzo; o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), con 20.037 euros, que volverá a atoparse co público en outubro; e o Imperdible Festival Internacional de Impro, con 19.147 euros, que adoita programarse ao longo dos meses de setembro e outubro en Santiago de Compostela.
Circo, danza e citas multidisciplinares
Na listaxe de mostras escénicas que contarán con este apoio por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aparecen igualmente a danza, a través do Festival Danza no Claustro, con 8.775 euros, que na súa última edición se desenvolveu entre finais de xullo e comezos de agosto en espazos patrimoniais da provincia de Ourense, concretamente nos mosteiros de Melón, Nogueira de Ramuín e Xunqueira de Espadanedo; o circo, representado polo Festaclown Vilagarcía 2026, con 13.875 euros, cita que volverá celebrarse no mes de agosto; e outras propostas como o Festival Desfoga de Cambados, con 6.189 euros, que na súa edición máis recente tivo lugar na primeira semana de outubro.
Completan a relación a Mostra de Teatro Galego de Cariño, con 5.560 euros, que celebrará a súa próxima entrega do 3 ao 9 de agosto, e o Sacra Festival, con 7.146 euros, proposta multidisciplinar que vén acontecendo tamén no mes de agosto na Ribeira Sacra chantadina.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.