Tuesday 07 de April de 2026

O Concello de Neda fretará un bus para asistir o 26 de abril en Santiago á representación de “Hamlet”


As persoas interesadas poden xa anotarse na biblioteca municipal, aboando a cota de 5 euros

Tras a boa acollida que tivo a recente viaxe á capital galega para desfrutar da estrea de “Memorias dun neno labrego”, o Concello de Neda fretará un bus para asistir o 26 de abril pola tarde á posta en escena da “Hamlet” no compostelán Salón teatro. Está aberto o prazo para inscribirse na biblioteca.
No marco do programa “Sobes ao bus do teatro?”, os veciños e veciñas de Neda terán desta volta a oportunidade de gozar coa montaxe que Tito Asorey e Vanesa Sotelo fan a partir do texto orixinal de William Shakespeare. É a primeira vez que o Centro Dramático Galego incorpora ao seu repertorio esta peza, que é probablemente a máis famosa da historia.
A obra é, segundo apunta Asorey, Hamlet é “unha traxedia de vinganza na que o seu protagonista, de forma paradoxal, non ten as características propias dun heroe de acción, asolado por unha conciencia que lle dificulta habitar nun mundo moralmente apodrentado”. Dezaseis actores, encabezados por Alejandro Jato, dan vida a este “acontecemento cultural”. Un espectáculo que non está recomendado para menores de 16 anos.
A función á que acudirá a expedición nedense terá lugar o domingo 26, a partir das 18:00 horas, polo que o autocar sairá da contorna da Casa Consistorial ás 15:30 horas. O regreso está fixado para as 20:30 h.
Para sumarse a esta proposta cómpre achegarse á biblioteca municipal e aboar a cota de 5 euros ata o 17 de abril. O horario do espazo cultural é de luns a venres, de 9 a 13 horas, e de 17 a 20 h. As prazas son limitadas.

Deja un comentario