O Concello publica a programación completa de actividades do evento, que aínda ten aberto até o luns que vén o prazo de solicitude de espazo
Despois de case trinta edicións -falta só unha para o tres e o cero- a Feira da Plantación nin sequera precisa presentación. Todo o mundo sabe xa que o último domingo de abril hai unha cita na leira da Cortiña con todo o que ten que ver coa planta ornamental, a flor, a horta e a produción primaria. E é que durante a xornada do 26 de abril celebrarase á beira do Xubia a grande festa do arranque da primavera en San Sadurniño, onde poderemos atopar ducias de especies e variedades para vestir xardíns e outros espazos, tamén planta para poñer nos morteiros, froiteiras, artesanía, alimentación e maquinaria, todo distribuído polos sendeiros do Campón do arboreto e da Fraga Máxica. Moita oferta de cor e variedade que, ademais, o Concello rodeará con outras propostas ben interesantes.
A feira comezará ás 10:00h coa apertura dos postos participantes, boa parte deles viveiros especializados en plantas decorativas para interior e exterior, aínda que tamén haberá moita oferta de árbores, herbas aromáticas e, sobre todo, bandexas para repoboar as hortas ao aire libre ou en invernadoiro.
Canda estes postos tamén atoparemos os de produto en fresco e elaborado -queixos, pan, chacinas, conservas, etc.-, outras manufacturas artesanais con selo de calidade e todo tipo de aparellos e ferramentas para enredar na terra.
As expositoras e expositores que queiran espazo na feira teñen até o 13 de abril para presentaren a súa solicitude no rexistro municipal (ata as 14:00h), na Sede Electrónica (ata as 23:59h) ou por correo postal (Concello de San Sadurniño, Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña). Poderán instalar as súas propias carpas e toldos ou solicitarlle ao Concello ese equipamento, ademais de toma de electricidade.
A XXIX Feira da Plantación tamén virá cargada de actividades paralelas: unha busca do tesouro en familia, demostracións de arte floral, degustacións de produtos da Fusquenlla, unha exposición sobre as rochas do xeoparque e tamén os sempre exitosos showcookings, que este ano estarán dirixidos polo prestixioso cociñeiro André Arzúa -promotor do centro gastronómico Espazo Abella-, dentro do programa A Paisaxe que sabe impulsado pola área de Turismo da Deputación da Coruña.
Non faltarán tampouco a animación musical -este ano veñen As faíscas da Pontraga- nin os tradicionais sorteos presenciais das 14:00 e as 19:45h. Con cada compra que fagamos entregarannos unha papeleta para entrar na rifa de varios ramos e centros florais. Os boletos haberá que botalos na urna situada no posto do Concello e os sorteos repetiranse continuamente ata que vaian aparecendo as persoas ganadoras. Ademais, só por vir á feira levaremos gratis unha bolsiña con plantas, cortesía da empresa Vivergal S.L., que colabora co evento xunto coa Deputación da Coruña.
Na Cortiña haberá espazo para xantar, aínda que tamén é boa idea vir de merenda e pasar o día á beira do Xubia ou ir comer a algún dos restaurantes do concello (mellor con reserva).
O programa completo da XXIX Feira da Plantación pode consultarse nesta ligazón. Apunta: domingo 26 de abril na leira da Cortiña.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.