O Goberno da Xunta de Galicia está a aplicar unha política claramente caciquil e partidista no denominado Plan de Sendas de Galicia, no que leva investidos un total de 144 millóns de euros. A maioría das actuacións deste plan estanse a executar en concellos gobernados polo Partido Popular.
En Oleiros, malia ser o oitavo concello de Galicia en poboación —e líder en moitos outros indicadores—, non se ten destinado nin un só euro deste plan. O Concello leva anos reclamando beirarrúas en tramos de gran tránsito e relevancia para a seguridade viaria, como Arillo–vía Ártabra, Serantes–O Cubo-Lorbé, Salvador Allende, Coruxo–Os Regos ou Xaz–Oleiros.
Todas estas vías son titularidade da Xunta e constitúen arterias principais non só de Oleiros, senón do conxunto da comarca da Coruña. Porén, si se fixeron beirarrúas en Porzomillos polo medio do monte literalmente ou se van facer na aldea de Viro, en Outes, ou entre Mabegondo e Montouto. Municipios pequenos, con estradas de tráfico reducido, que, con todo, están a recibir importantes investimentos. Este tipo de actuacións, baseadas en criterios partidistas, non só discriminan á cidadanía, senón que tamén poñen en risco a seguridade e a integridade física de milleiros de persoas que utilizan diariamente estas estradas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.