O Concello de Carballo aprobou na sesión da Xunta de Goberno Local do 6 de abril de 2026 un conxunto de liñas de subvención destinadas a reforzar o tecido asociativo, cultural, económico e educativo do municipio, cun investimento global de 262.000 euros.
Apoio ao deporte local
No ámbito deportivo aprobouse a concesión dunha subvención nominativa ao Bergantiños F.C. cunha dotación máximas de 70.000 euros.
Esta achega municipal, que representa preto do 15% do orzamento da actividade do club, está destinada a financiar a participación en competicións deportivas federadas durante o ano 2026, poñendo especial atención no interese social e no volume de categorías de base que manexa a entidade.
Impulso á actividade cultural
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén as bases da convocatoria de subvencións ás asociacións culturais para o desenvolvemento dos seus programas anuais de actividades. O obxectivo é potenciar o papel destas entidades no desenvolvemento cultural do municipio e facilitar o acceso da cidadanía á programación cultural.
Esta liña contará cunha dotación total de 47.000 euros.
Promoción económica e apoio ao comercio local
No ámbito económico aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións dirixidas a asociacións de empresarios e comerciantes para actividades de promoción económica durante o ano 2026.
O Concello destinará a esta liña un total de 75.000 euros, orientados a accións de dinamización comercial, formación e promoción do tecido empresarial local. Como norma xeral, estas axudas poderán cubrir ata o 80% do orzamento dos programas presentados, cun máximo de 30.000 euros por entidade.
Axudas ao estudo
Co obxectivo de garantir a igualdade no exercicio do dereito á educación, o Concello aprobou tamén a convocatoria de axudas para o alumnado do 2º ciclo de Educación Infantil e para estudantes do Conservatorio Profesional de Música de Carballo para o curso 2025-2026.
Para estas axudas reservouse unha partida total de 70.000 euros: 64.000 euros destinados especificamente a Educación Infantil e 6.000 euros para os estudos de grao elemental ou profesional no CMUS.
Estas axudas buscan aliviar a carga económica das familias con menos recursos ante gastos de escolarización que non contan con apoio doutras administracións.
Compromiso co desenvolvemento local
Con este paquete de medidas, o Concello de Carballo reafirma o seu compromiso co desenvolvemento social, cultural e económico do municipio, apoiando ás entidades e colectivos que contribúen a dinamizar a vida local e mellorar a calidade de vida da veciñanza.
As distintas convocatorias publicaranse nas próximas datas, momento no que se abrirán os prazos de solicitude.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.