O proxecto porá en valor unha das localizacións con mellores vistas da cidade, ata agora practicamente sen uso nin equipamento
A área de transformación cobre máis de 16.000 metros cadrados
O Concello aprobará nos vindeiros días a licitación das obras do parque do Vixía, que porá en valor unha contorna natural de gran relevancia histórica e xeográfica pola súa singular localización e vistas ao mar e á Torre de Hércules. “O parque do Vixía será un dos grandes espazos verdes do barrio de Monte Alto”, indicou a alcaldesa, Inés Rey, que ademais destacou que será o parque máis elevado da cidade, o que lles dará aínda máis relevancia ás vistas privilexiadas da contorna.
O investimento previsto para a transformación de máis de 16.000 metros cadrados ascende a 1.629.946 euros, para unhas actuacións que teñen un prazo máximo de execución de 12 meses. A transformación do espazo, na contorna do depósito de auga, permitirá integrar distintos elementos e eliminará muros de peche para acadar unha superficie unitaria e homoxénea, na que se plantará arboredo e se mellorará a accesibilidade.
Ademais, instalaranse sendas peonís e crearanse distintas zonas de xogos e descanso, explicou a rexedora. “Entre os aspectos máis destacados do proxecto figura a creación de pasarelas peonís elevadas que permitirán superar a altura dos edificios da contorna e servirán como miradoiros para gozar das vistas da Torre de Hércules e do océano”, explicou Rey.
A actuación inclúe unha profunda reestruturación dos espazos coa habilitación de merendeiros e hortos urbanos. Tamén se colocarán estanques e fontes e construirase unha nova infraestrutura de rega e drenaxe; a auga terá un especial protagonismo na formulación do parque. Os elementos urbanos e edificios existentes integraranse coa contorna grazas á nova distribución e deseño da localización.
“O que estamos a facer con este proxecto é repensar de cero a área e facer posible unha nova zona verde da que desfrutará non só o barrio de Monte Alto, senón toda a cidade”, engadiu a alcaldesa.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.