Monday 06 de April de 2026

O Concello convoca subvencións para programas de igualdade e diversidade por 150.000 euros


O prazo de solicitude estará aberto do 7 de abril ao 5 de maio e as actividades poderanse executar ata o 31 de decembro de 2026

O Concello da Coruña abre, tras a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, o prazo para solicitar as subvencións destinadas a actividades de interese social en materia de igualdade e diversidade correspondentes ao exercicio 2026. As axudas, en réxime de concorrencia competitiva, están dotadas con 150.000 euros e poderanse solicitar ata o 5 de maio a través da sede electrónica municipal.

A convocatoria ten como finalidade apoiar economicamente as entidades que traballan na cidade na promoción da igualdade de xénero, na inclusión social desde o recoñecemento das diversidades e na prevención das violencias machistas. O Goberno local reforza así o seu compromiso co tecido asociativo coruñés e co desenvolvemento de proxectos que contribúan a construír unha cidade máis igualitaria, máis inclusiva e libre de discriminacións.

A primeira liña de financiamento, dotada con 60.000 €, está orientada ao fortalecemento e empoderamento do movemento asociativo. Permitirá sufragar gastos de funcionamento das entidades, como persoal administrativo, alugueiro da sede, subministracións, limpeza, seguridade, seguros ou servizos de asesoramento fiscal, laboral e contable. Trátase dunha liña pensada para consolidar a estrutura das asociacións e facilitar a súa actividade diaria na defensa dos dereitos das mulleres e dos colectivos minorizados.

A segunda liña, cun importe de 90.000 €, está destinada ao financiamento de proxectos e actividades de prevención das violencias machistas en sentido amplo e atención ás vítimas, así como accións de promoción da igualdade de xénero e de defensa do recoñecemento e dos dereitos das persoas LGTBQI. Esta liña articúlase en dous programas específicos: un centrado no fomento da igualdade e na erradicación das violencias machistas cara ás mulleres e ás persoas menores, e outro orientado á promoción activa dos dereitos LGTBQI e á loita contra os discursos e comportamentos de odio.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa salientou que estas subvencións “son unha ferramenta clave para seguir reforzando o traballo que realizan na Coruña as entidades que sosteñen, desde o ámbito social e comunitario, a defensa da igualdade e da diversidade”. A concelleira subliñou ademais que “o apoio municipal busca darlle estabilidade ao movemento asociativo e impulsar iniciativas que preveñan as violencias machistas, defendan os dereitos das persoas LGTBQI e sigan abrindo camiño cara a unha igualdade real e efectiva”, e recordou que estas liñas de axudas responden tamén ás políticas impulsadas por Inés Rey na procura dunha igualdade efectiva entre todas as persoas.

As actividades subvencionadas poderán executarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026. Neste sentido, a convocatoria dá cobertura tanto ao sostemento das entidades como ao desenvolvemento de programas concretos durante todo o ano, manteñen o esquema de financiamento xa vixente en 2025.

Deja un comentario