O Concello de Ribeira colabora novamente nesta cita como antesala á concentración do mes de setembro
Os Reventapistóns celebrarán a súa oitava quedada no sábado, 18 de abril, coa praza de España de Ribeira como epicentro da actividade moteira que conta coa colaboración do Concello, servindo de antesala á concentración que terá lugar no mes de setembro.
Durante a súa intervención, o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, felicitou á entidade organizadora por este evento que pretende poñer en valor unha disciplina deportiva do mundo do motor. O edil tamén destacou que “cando fan estas quedadas sempre teñen algunha actividade lúdico-deportiva, traen grandes espectáculos, fan probas para tódolos asistentes e, un ano máis, consolídanse como un club referente, non só de Ribeira e da comarca do Barbanza, senón que tamén autonómico e, incluso a nivel nacional.”
Pola súa parte, o seu homólogo de Festexos, Fernando Abraldes, manifestou que esta oitava edición da quedada contribuirá a seguir dinamizando social e economicamente o municipio despois da Semana Santa. “É unha quedada moi importante para Ribeira e agradecer a Os Reventapistóns pola planificación tan boa que fixeron de cartel”, indicou.
En representación do club estiveron Juan González, José Francisco Mallo e Pablo Blanco, quen sinalou que “isto é un aperitivo do que vén despois que xa é outro nivel.”
A xornada comezará ás 11.30 horas con música da man de Cabina DJ para, arredor das 12.30 horas, comezar coa sesión vermú amenizada nos bares da contorna da praza e, ás 14.00 horas, comer as racións de churrasco que se repartirán a un prezo de 3 euros cada unha, ademais da opción de food truck.
O groso da acción concentrarase na tarde e dará inicio ás 15.45 horas coas Motos a cegas; un concurso no que apalpar e escoitar con premios previo á saída de ruta mototurística pola zona ás 17.15 horas.
Tamén haberá espectáculo romperrodas, ás 18.30 horas; Reventa trompeta, ás 19.00 horas; e, ás 19.20 horas, empezarán as probas de carreira de lentos, salchicha colgante e proba de ruído. O colofón desta quedada virá cos sorteos cortesía de Deza Racing Padín, ás 20.00 horas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.