Monday 06 de April de 2026

O Concello de Fene conmemora o Día Mundial da Actividade Física cun amplo programa baixo o lema “Máis movemento, máis vida”


O Concello e ASPANEPS organizan formacións, unha andaina, exposición e actividades co tecido asociativo fenés

A programación estase a desenvolver desde marzo e estenderase até xullo, promovendo hábitos saudábeis e actividade física para toda a veciñanza

O Concello de Fene conmemora este 6 de abril o Día Mundial da Actividade Física, baixo o lema “Máis movemento, máis vida”, cun programa de actividades orientado a fomentar hábitos saudábeis e promover a actividade física entre a veciñanza. A alcaldesa, Sandra Permuy, e a concelleira de deportes, Alba García, deron conta hoxe das distintas accións previstas no marco desta iniciativa, organizada en colaboración con ASPANEPS Fene.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta programación busca fomentar hábitos de vida saudábeis e promover a actividade física como elemento clave para o benestar da veciñanza”, subliñando a importancia de implicar tanto ás administracións como ao tecido social e educativo nesta tarefa.

Pola súa banda, a concelleira de deportes, Alba García, puxo en valor “a diversidade de actividades propostas, pensadas para diferentes idades e perfís, co obxectivo de achegar a actividade física ao conxunto da cidadanía e facilitar a súa incorporación ao día a día”.

Formacións sobre saúde e benestar

Dentro da programación inclúese un ciclo de tres accións formativas centradas na promoción da saúde. A primeira delas, celebrada o pasado 26 de marzo baixo o título “Estilos de vida saudábeis – mindfulness”, contou cunha alta participación, completando todas as prazas dispoñíbeis e cunha valoración moi positiva por parte das persoas asistentes.

As seguintes sesións serán o 23 de abril, sobre “Mobilización e coidados das persoas dependentes”, e o 21 de maio, cun “Obradoiro de alimentación saudábel”, ambas en horario de tarde. As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición a través do teléfono 981 340 366 ou a través da páxina web municipal.

Exposición itinerante e andaina popular

A programación complétase cunha exposición de paneis informativos sobre actividade física e saúde, que comezará o 12 de abril no pavillón polideportivo da Xunqueira e que posteriormente percorrerá diferentes espazos do termo municipal, incluíndo centros de ensino e entidades sociais.

Entre as datas previstas atópanse, ademais do pavillón da Xunqueira (do 12 ao 26 de abril), a S.C.R.D. Agarimo de Sillobre (do 8 ao 14 de xuño), a A.VV. San Xurxo de Magalofes (do 15 ao 21 de xuño), a A.C.R.D. O Pote (do 22 ao 28 de xuño), a Liga de Amigos de Barallobre (do 29 de xuño ao 5 de xullo), a S.C.R.D. Perlío (do 6 ao 12 de xullo), a AVV de Limodre (do 13 ao 19 de xullo) e o CMI Unidade de Fene (do 27 de xullo ao 2 de agosto).

Ademais, o 12 de abril celebrarase unha andaina popular, con saída e chegada no pavillón da Xunqueira ás 12.00 horas, de dificultade baixa e aberta a todos os públicos, incluíndo persoas con mobilidade reducida. Non será necesaria inscrición previa e, en caso de mal tempo, a actividade substituirase por exercicios no propio pavillón. Ao remate desta, haberá cantos de taberna a cargo de Son de Cantos.

Rutas saudábeis  elaboradas polo alumnado

Outra das iniciativas destacadas será a elaboración de rutas saudábeis polas distintas parroquias, desenvolvidas polo alumnado dos centros educativos de Fene. Estes percorridos incluirán puntos de interese do municipio, como equipamentos públicos, espazos naturais ou recursos sanitarios, e serán posteriormente publicados cunha imaxe gráfica común.

Colaboración institucional e social

A programación conta coa colaboración de numerosas entidades e institucións, entre elas a Xunta de Galiza, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, a Deputación da Coruña, Por + Vida, centros educativos como CEIP Centieiras, CEIP O Ramo, CEIP Os Casais, CPI A Xunqueira e Colexio Jorge Juan, así como entidades sociais e culturais do municipio e a Sociedade Española de Obesidade (SEEDO).

Desde o Concello de Fene anímase á veciñanza a participar nas distintas actividades programadas e a incorporar o movemento como parte esencial dunha vida saudábel.

Deja un comentario