Monday 06 de April de 2026

A Filmoteca de Galicia dedícalle en abril un ciclo á obra completa de Guillermo Galoe e continúa coa retrospectiva de Fassbinder


— O cineasta madrileño de orixe galega que vén de sumar o segundo Goya por ‘Ciudad sin sueño’ presentará na Sala José Sellier todas as súas películas entre os días 14 e 17 e impartirá unha clase maxistral sobre os seus procesos de produción

— A cinemateca da Xunta recibirá o 24 de abril o portugués Pedro Pinho para presentar ‘La risa y la navaja’ dentro das novas sesións de Territorios mutantes dedicadas a revisar a pegada colonial

— A carteleira complétase con novas sesións dos apartados Fóra de serie, Off Galicia e Filmoteca Júnior

A Filmoteca de Galicia centra a programación de abril no ciclo dedicado a Guillermo Galoe, cineasta madrileño de orixe galega, que entre os días 14 e o 17 permitirá ver na Sala José Sellier o conxunto da súa filmografía, formada por tres curtametraxes e dúas longas, e impartirá unha clase maxistral arredor dos seus procesos de produción. O programa inclúe títulos clave como a máis recente Ciudad sin sueño, coa que Antonio Fernández Gabarre obtivo o Goya ao actor revelación, e Frágil equilibrio, recoñecida co Goya á mellor longametraxe documental en 2017, ademais de Aunque es de noche, peza realizada na Cañada Real que conecta ambos proxectos.

A carteleira mensual complétase coa continuidade do ciclo de Rainer Werner Fassbinder, cunha selección de seis filmes que presenta algúns dos títulos polos que foi máis recoñecido. Un novo bloque de Territorios mutantes centrado nas miradas postcoloniais, que acollerá o cineasta portugués Pedro Pinho o 24 de abril para presentar La risa y la navaja, estreada ese mesmo día. O mes de abril incorpora tamén outras proxeccións que cuestionan a mirada colonial, xunto con novas citas das seccións Fóra de serie, Off Galicia e Filmoteca Júnior.

Guillermo Galoe, unha filmografía reunida na Sala José Sellier
A programación central do mes ofrece durante catro días consecutivos todas as películas de Guillermo Galoe, incluíndo a súa longametraxe Ciudad sin sueño, que se presentou o ano pasado na Semana da Crítica de Cannes e na sección Perlak do Festival de San Sebastián e coa que Antonio Fernández Gabarre obtivo o Goya ao actor revelación. O ciclo inclúe tamén Aunque es de noche, traballo realizado na Cañada Real que anticipa o método de colaboración e creación comunitaria no que Galoe afonda despois en Ciudad sin sueño, así como Frágil equilibrio, a súa ópera prima construída en torno a unha entrevista co expresidente de Uruguai José Mujica, que logrou o Goya á mellor longametraxe documental en 2017.

As sesións do día 15 estarán presentadas polo propio Guillermo Galoe, mentres que o resto de proxeccións serán introducidas por Marina García López, produtora do cineasta e integrante da compañía galega Sintagma. A clase maxistral do ciclo porá o foco, en particular, no proceso que levou a Galoe a traballar cos habitantes da Cañada Real desde a curta Aunque es de noche ata a longametraxe Ciudad sin sueño.

Territorios mutantes e a visita de Pedro Pinho
O 24 de abril, a Filmoteca recibirá ao cineasta portugués Pedro Pinho, que presentará La risa y la navaja, exhibida no último Festival de Cannes dentro da sección Un Certain Regard. Ambientada na antiga colonia portuguesa de Guinea-Bisáu e protagonizada por un enxeñeiro medioambiental, a película aborda conflitos postcoloniais que conectan coas novas sesións de Territorios mutantes.

Este bloque incluirá un encontro co comisario artístico e cineasta Rubén H. Bermúdez (día 23), centrado no postcolonialismo nas artes contemporáneas e o seu reflexo nos museos europeos, así como na discusión arredor da restitución de obras expoliadas. Esta reflexión dialoga directamente coa proxección de Dahomey, de Mati Diop, Oso de Ouro na Berlinale 2024, que poderá verse nesa mesma sesión.

Como complemento, Territorios mutantes propón outras obras que cuestionan a mirada colonial, como Reassemblage: From the Firelight to the Screen (día 21), A todos nos gusta el plátano (día 22), Lumumba: La mort du prophète (día 29) e Banda sonora para un golpe de estado (día 30), ademais de dous títulos que se incorporarán xa en maio: West Indies e Crónica de los años de brasa, Palma de Ouro en Cannes en 1975.

Seis títulos de Fassbinder
O ciclo de R. W. Fassbinder continúa en abril con seis películas e dous episodios dunha miniserie, incluíndo algúns dos títulos polos que o cineasta alemán foi máis recoñecido e que se consideran xa referenciais na súa traxectoria. A programación comeza con El dios de la peste (día 1), continúa con Atención a esa prostituta tan querida (días 7 e 8), El mercader de las cuatro estaciones (días 9 e 10), Las amargas lágrimas de Petra von Kant (días 11 e 14), incorpora os dous episodios da serie El mundo conectado (días 16 e 17) e suma Todos nos llamamos Alí (días 21 e 22) e Fontane Effi Briest (días 25 e 28).

A carteleira de abril da Filmoteca de Galicia complétase con novas sesións de Fóra de serie: a mítica Casablanca (días 1 e 7), a presentación do último Caderno FICBUEU (día 9), Adiós Cuba (día 10), e Manas (días 28 e 29), así como unha cita de Off Galicia con We Love You (día 8), presentada polo seu director, o portugués Pedro Souto e pola produtora María Gangutia, e Filmoteca Júnior coa proxección en versión galega de Ponyo no acantilado (día 18), o clásico de Hayao Miyazaki no que se unen a preocupación polo medio ambiente e o valor da amizade.

Deja un comentario