O Concello presenta un calendario de actividades entre o 27 de marzo e o 5 de abril para poñer en valor a tradición, a cultura e o patrimonio local
O Concello de Laxe informa da posta en marcha dunha programación especial con motivo da celebración da Semana Santa 2026, cun conxunto de actividades culturais abertas á veciñanza e ás persoas visitantes que se desenvolverán entre o 27 de marzo e o 5 de abril.
Baixo o lema “Semana Santa de Laxe 2026, vívea con nós!”, o Goberno local presenta unha proposta diversa pensada para complementar estas datas tan sinaladas cunha oferta cultural de calidade, que combina exposicións, charlas, presentacións, concertos e xornadas de portas abertas no Museo do Mar.
A programación arrancará o venres 27 de marzo coa apertura da mostra de pintura de Mercedes Ramos (Arte con Pedras), que poderá visitarse ata o 5 de abril. O sábado 28 de marzo celebrarase unha xornada de portas abertas no Museo do Mar de Laxe e, ademais, terá lugar a presentación do libro “A Semana Santa en Laxe: 288 anos de devoción popular”, de Diego Piay Augusto.
Xa o domingo 29 de marzo, o físico e investigador Jorge Mira Pérez ofrecerá unha charla sobre o eclipse solar do 12 de agosto de 2026. O luns 30 de marzo, o profesor de Historia Luis Giadás protagonizará a conferencia “Os fomentadores cataláns en Laxe: a familia Domenech”. Pola súa banda, o martes 31 de marzo celebrarase unha intervención arredor do legado científico do xeólogo Isidro Parga Pondal, a cargo de Alfonso Pazs Albert, investigador e catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago. O mércores 1 de abril a música será a protagonista cun concerto de piano de Cristian Leggiero.
A programación completarase o sábado 4 de abril cunha nova xornada de portas abertas no Museo do Mar de Laxe, espazo que terá tamén un horario especial de apertura durante estes días para facilitar a visita da cidadanía e das persoas que se acheguen ao municipio durante a Semana Santa.
Desde o Concello de Laxe anímase a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta programación, pensada para enriquecer a Semana Santa desde o punto de vista cultural e seguir poñendo en valor a historia, a identidade e o patrimonio do municipio.
Laxe ofrece así unha Semana Santa que vai máis alá da tradición relixiosa, abríndose tamén á divulgación, á arte, á música e ao coñecemento, cun programa co que se busca dinamizar o concello e ofrecer propostas atractivas para todos os públicos.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.