Sunday 29 de March de 2026

María José Gómez sinala o importante papel da tecnoloxía e a mecanización para o agro con motivo da Feira Magreco


— Destacou o papel que desenvolven estas ferramentas ao mellorar o traballo no campo e potenciar a produtividade e competitividade das explotacións agrogandeiras galegas, que son un referente a nivel europeo

— A conselleira do Medio Rural participou esta mañá na inauguración da XII edición da Feira de Maquinaria Agrícola de Boimorto, á que definiu como un espazo no que “aprender e compartir experiencias”

— Enxalzou tamén a importancia da poxa de gando que se celebra nesta feira, e que contribúe de xeito positivo á mellora xenética da cabana gandeira galega, ao comercializar exemplares de gran calidade

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou esta mañá na inauguración da XII edición da Feira de Maquinaria Agrícola Magreco, que se está a celebrar esta fin de semana no concello coruñés de Boimorto. Alí, sinalou o importante papel que desenvolven a tecnoloxía e a mecanización no agro.
Destacou así que estas ferramentas contribúen a mellorar o traballo no campo e potencian a produtividade e competitividade das explotacións agrogandeiras, que son un referente a nivel europeo. Por outra banda, definiu este evento como un punto de encontro para o sector agropecuario galego, no que “aprender e compartir experiencias”.
Ademais, Magreco fomenta o desenvolvemento da contorna rural de Boimorto, tanto a nivel económico como social, ao favorecer a comercialización de maquinaria e produtos agrarios, ao tempo que facilita o contacto entre traballadores do sector, que poden utilizar esta feira como lugar no que intercambiar coñecemento. A conselleira enxalzou tamén a importancia da poxa de gando que se celebra nesta feira, e que contribúe de xeito positivo á mellora xenética da cabana gandeira galega, ao comercializar exemplares de gran calidade.
María José Gómez fixo unha mención especial aos alumnos do CPI Armando Cotarelo Valledor de Boimorto, que participan no acto de inauguración, asegurando que se trata dun centro “comprometido” que educa “ás futuras xeracións do rural”. Invitou así aos alumnos e alumnas do CPI a apostar polo rural como o seu modo de vida.

Deja un comentario