• “A decisión era enredar ou ir de cara, e nós fomos de cara” sostén a edil, que recalca que de non prosperar a cuestión de confianza abriríase un mes para presentar unha moción de censura “que está descartada”
• Responde ao deputado Aitor Bouza apuntando á contradición das súas declaracións coas do alcalde socialista, Blas García, que felicitaba ás non adscritas pola decisión tomada
Mercedes Rosón defendeu este sábado a posición das concelleiras Non Adscritas ao votar a favor este xoves da cuestión de confianza á que se someteu a Alcaldesa, ligada á aprobación dos orzamentos, defendendo o seu voto favorable como unha decisión “clara, responsable e pensada para non facer perder o tempo á cidadanía”.
A edil explicou que o seu apoio á cuestión de confianza non implica avalar os orzamentos do goberno local, cos que recoñeceu manter “desacordo en moitos puntos”. De feito, no pleno extraordinario no que se someteron a votación as contas do executivo local o pasado mércores, a postura das Non Adscritas foi a abstención. Porén, xustificou a decisión da segunda votación, a relativa á cuestión da confianza, en termos de utilidade política: “sen lexitimar uns orzamentos cos que estamos en desacordo, non estamos dispostas a facer perder o tempo á cidadanía de Compostela cun mes no que non íamos promover un cambio de goberno”.
Neste sentido, Rosón subliñou que o escenario era claro: “a decisión era enredar ou ir de cara. E fomos de cara”. Segundo explicou, a alternativa ao apoio á cuestión de confianza pasaba por abrir un prazo dun mes para intentar unha moción de censura que, para o seu grupo, está descartada. “Iso é o que se votou: un mes para promover unha moción de censura ou que os orzamentos se aprobaran xa. Porque o ían facer de tódolos xeitos, ou o xoves ou un mes máis tarde se non había alternativa á Alcaldesa actual”, afirmou.
A concelleira marcou distancias co PSOE compostelán, ao que reprochou a súa abstención: “unha abstención que non era suficiente para desbloquear este asunto”. Fronte a iso, reivindicou o seu papel decisivo: “nós, sendo conscientes de que, fronte os votos en contra do PP, coa abstención non chegaba, votamos a favor. Aí está a diferenza entre uns e outros”.
Rosón foi máis alá e cuestionou abertamente a estratexia socialista, lanzando unha pregunta directa: “que pasa, o PSOE ía promover unha moción de censura da man do PP? Iso é o que nos está intentando dicir?”. Ao mesmo tempo, instou aos socialistas a aclarar a súa posición respecto á alcaldesa: “se non confían en Sanmartín que lle retiren o apoio, ou a que estamos xogando”.
Resposta a Aitor Bouza: “ía facer o PSOE unha moción de censura co PP?”
Rosón denunciou publicamente ademais as contradicións dentro do propio PSOE, sinalando que os socialistas “deberían comezar por poñerse de acordo á hora de valorar a nosa posición”. Como exemplo, contrapuxo as declaracións de distintos cargos socialistas en apenas horas: “o mesmo xoves á tardiña, o alcalde socialista, Blas García, felicítanos por esta decisión”, mentres que “o venres á mañanciña, sae Aitor Bouza cuestionando esta decisión, amosando unha total ignorancia sobre asuntos municipais como a diferenza entre a aprobación duns orzamentos ou a votación dunha cuestión de confianza”.
Rosón foi máis alá e cuestionou abertamente a estratexia socialista, lanzando unha pregunta directa: “que pasa, o PSOE ía promover unha moción de censura da man do PP? Iso é o que nos está intentando dicir?”. Ao mesmo tempo, instou aos socialistas a aclarar a súa posición respecto á alcaldesa: “se non confían en Sanmartín que lle retiren o apoio, ou a que estamos xogando”.
Finalmente, a edil cargou contra Aitor Bouza por insinuar supostas negociacións ocultas, rexeitando con contundencia esa idea: “quere dar a entender negociacións pola porta de atrás: pensa o ladrón que todos somos da súa mesma condición”.
Neste sentido lembrou que o propio Bouza accedeu ao Parlamento “gratificando a un deputado que debía renunciar a súa acta cun posto de Subdelegado do Goberno” e lembrando que, con carácter previo á súa expulsión do partido xunto a Mila Castro, Gonzalo Muíños e Marta Álvarez, “ofrecéusenos a algunha de nós outros postos, como se a representación cidadá dependera dun xogo de cromos”: “está acostumado a que se funcione así en política”.
A concelleira tamén reivindicou a súa independencia, lembrando que no seu caso non vive da política -as concelleiras non adscritas non teñen dereito a dedicación exclusiva nin parcial dentro da Corporación- “e por iso mesmo el ten que facer moitas pataletas para seguir cobrando cartos públicos mentres outras podemos actuar con liberdade e votar con coherencia, altura de miras e responsabilidade” concluíu.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.