Sunday 29 de March de 2026

Xosé Merelles destaca o impulso da Xunta ao sendeiro de Devesos, en Ortigueira, que estrea homologación da Federación de Montañismo


O itinerario foi sinalizado coa achega da Axencia Turismo de Galicia e discorre por elementos patrimoniais de gran interese patrimonial e histórico

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou esta mañá o ‘Sendeiro de Devesos’ froito dun convenio asinado por este departamento autonómico co concello de Ortigueira que permitiu acometer unha actuación de limpeza, adecuación, marcaxe do itinerario e sinalización financiada pola Xunta de Galicia.
Durante a súa visita, Xosé Merelles, que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planficación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, salientou a capacidade deste novo recurso turístico para exemplificar “a aposta da comunidade polo turismo de natureza como ferramenta para a conservación do patrimonio, a desestacionalización da demanda e o impulso económico do medio rural”.
O director de Turismo de Galicia salientou a importancia de iniciativas como esta para avanzar nun modelo turístico sostible que contribúe ao reequilibrio territorial e á xeración de oportunidades nos núcleos rurais. “O sendeirismo e o turismo de natureza permiten diversificar a oferta turística de Galicia e atraer visitantes ao longo de todo o ano, favorecendo un fluxo máis equilibrado e continuo”, sinalou.
Precisamente, Xosé Merelles referiuse ao incremento de visitantes desta zona nos dous primeiros meses do ano que supuxo unha suba do 11,6% con máis de 15.000 viaxeiros, con especial incidencia no mercado nacional que incrementou o número de turistas no 13,5%.
O “Sendeiro de Devesos”, cuxa adecuación e mantemento se formalizou mediante convenio en agosto de 2025, constitúe un exemplo de posta en valor dos recursos naturais e patrimoniais do territorio galego. Ao longo dos seus 7,4 quilómetros de percorrido, a ruta combina espazos de gran valor ambiental con elementos de interese patrimonial e histórico, como a Igrexa de San Sebastián de Devesos, o Santuario de Santa María de Portas ou a Serra da Panda.
A actuación, financiada integramente pola Axencia de Turismo de Galicia cun investimento próximo aos 30.000 euros, incluíu traballos de limpeza e adecuación do trazado, sinalización completa, instalación de paneis interpretativos e melloras na accesibilidade, sempre respectando a contorna natural.
O sendeiro foi homologado a finais de 2025 pola Federación Galega de Montañismo. Precisamente, Turismo de Galicia mantén unha colaboración con esta entidade para a mellora da rede de rutas. Na actualidade, Galicia conta con 153 sendas homologadas que suman preto de 2.000 quilómetros, consolidándose como un destino de referencia para o sendeirismo.
Con iniciativas como o “Sendeiro de Devesos”, Galicia continúa reforzando o seu posicionamento como destino de natureza, apostando por un turismo responsable que contribúe ao desenvolvemento económico local e á protección do territorio.

Deja un comentario