• A veciñanza poderá solicitar líquido atraente e trampas a través dun formulario en liña dispoñible nas redes sociais e na páxina web.
O Concello de Ponteceso iniciará o vindeiro venres, 27 de marzo, a campaña de trampeo de raíñas da vespa velutina, unha actuación fundamental para frear a expansión desta especie invasora no municipio.
A primavera é o momento máis axeitado para actuar, xa que as raíñas comezan a formar os niños primarios. A súa captura nesta fase permite reducir de maneira significativa a aparición de novas colonias ao longo do ano.
Grazas ao traballo desenvolvido nos últimos anos, xa se ten reducido de maneira notable a incidencia de niños de vespa velutina no concello, resultado da actuación coordinada e da implicación da veciñanza.
Un ano máis, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ponteceso terá un papel fundamental, encargándose da colocación e seguimento das trampas en espazos públicos.
Co obxectivo de facilitar a participación cidadá, o Concello habilita un formulario en liña a través do cal as persoas interesadas poden solicitar líquido atraente e/ou trampas para colaborar na campaña. O formulario está dispoñible na páxina web e nas redes sociais municipais.
As persoas solicitantes poderán recoller o material nas dependencias do Concello a partir do propio 27 de marzo, en horario de atención ao público. Lémbrase que, en caso de detectar un niño de vespa velutina, débese contactar co 012 para a súa xestión por parte da Xunta de Galicia.
A colaboración da veciñanza continúa a ser clave para seguir avanzando na loita contra a vespa velutina e na protección do noso entorno.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.