A actuación permitirá recuperar unha instalación en desuso, mellorar a súa seguridade e dar resposta á demanda veciñal con dúas novas pistas
O Concello da Coruña iniciou esta semana as obras de reforma da antiga pista de chave do barrio de Labañou, unha intervención coa que se transformará este espazo nunha nova instalación deportiva destinada á práctica da petanca.
A pista, situada nun recinto perimetrado e aberto, atopábase sen uso nos últimos anos, o que derivou na súa degradación e na aparición de actos vandálicos. Ante esta situación, o Goberno municipal decidiu actuar para recuperar este equipamento e poñelo ao servizo da cidadanía cun uso adaptado ás necesidades actuais do barrio. Cómpre ter en conta que a veciñanza da zona leva tempo trasladando diversas demandas de mellora neste ámbito, ás que o Concello dá resposta de forma progresiva e planificada.
Os traballos, xa en marcha, inclúen a retirada da cuberta existente, o reforzo do peche e da estrutura e o acondicionamento integral do espazo. O obxectivo é garantir a seguridade das persoas usuarias, mellorar a salubridade da contorna e habilitar dúas pistas de petanca plenamente operativas.
Esta actuación enmárcase na planificación da Concellaría de Deportes para a mellora e modernización das instalacións deportivas municipais, así como na creación de novos espazos para fomentar a práctica de actividade física nos barrios.
Desde o Concello sublíñase que a intervención permitirá non só recuperar unha infraestrutura actualmente infrautilizada, senón tamén dinamizar o barrio de Labañou cun equipamento adaptado á demanda veciñal e que favoreza o encontro e a convivencia.
Trátase, ademais, dunha primeira actuación neste espazo, que terá continuidade con novas melloras na contorna nos vindeiros meses.
Con esta actuación, o Goberno de Inés Rey continúa avanzando na súa aposta por mellorar os servizos e equipamentos de proximidade, contribuíndo a unha cidade máis accesible, segura e con maior calidade de vida para a veciñanza. Neste sentido, o Concello seguirá traballando para dar resposta ás necesidades do barrio e avanzar na súa mellora integral.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.