A música e un parladoiro centraron a xornada
O lavadoiro de Penisqueira loce renovado aspecto trala restauración e posta en valor deste ben patrimonial por parte do Concello de Ribeira.
O proxecto supuxo un investimento de 48.198,54 euros para a rehabilitación deste espazo nunha contorna cunhas vistas privilexiadas á bocana da ría de Arousa e cun significado moito máis alá de ser un lugar para lavar a roupa: era un punto de encontro onde as mulleres facían comunidade. Por este motivo, o Concello organizou un acto de inaugural tralas obras coas lavandeiras como protagonistas, onde varias veciñas da parroquia de Aguiño (Pepucha Ayaso, 86 anos; Pura Fernández, de 82 anos; e Hortensia González, de 88 anos) ofreceron as súas testemuñas de como era a vida antano arredor dos ríos, así como algunhas das anécdotas que viviron.
“Este é un espazo que vai moito máis alá de ser un recurso turístico situado na parroquia de Aguiño; é parte da nosa historia onde conflúen a auga doce e a auga salgada. Aquí reuníanse as nosas nais, as nosas avoas e lavaban a roupa, pero tamén cantaban, charlaban, narraban contos… Dalgún xeito, hoxe escenificamos aquí aqueles tempos”, manifestou a alcaldesa, María Sampedro.
Tampouco faltou a música da xornada coas cantareiras As Sete Linguas, da Asociación Francisco Lorenzo Mariño.
Obras executadas
Esta actuación supuxo a roza da vexetación da contorna, a renovación do conxunto de canalizacións que subministran de auga á instalación, o repicado dos muros de cachotaría de granito, a formación de fondo do lavadoiro e estanque con morteiro de cal hidrófugo, e o acondicionamento manual das pezas deterioradas e disgregadas pola erosión.
A maiores, executouse unha zona de miradoiro mediante unha pequena grada de pedra, ademais de habilitar un sendeiro con pavimento de pezas de granito coa finalidade de conectar co camiño público lindeiro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.