Thursday 26 de March de 2026

Os versos entran nas aulas: comezaron hoxe os obradoiros “Poetizando en Carballo 2026”


O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, reafirma a súa aposta pola mediación cultural e o fomento do galego entre a rapazada co programa “Poetizando en Carballo 2026”, un ciclo de obradoiros de poesía que leva a creación literaria directamente ás aulas.
Os obradoiros comezaron hoxe, mércores 25 de marzo, nos centros CEIP San Luís Romero e CEIP Fogar, dando inicio a un itinerario que se prolongará ata finais de abril.
Os obradoiros están impartidos por Antía Otero, recoñecida poeta e editora do selo Apiario. A metodoloxía está deseñada especificamente para o alumnado de 2º de primaria, cun enfoque lúdico e participativo que promove a creación colectiva e converte as aulas en espazos de imaxinación compartida.
As próximas datas do programa son:
22 de abril – CEIP Bergantiños
29 de abril – CEIP A Cristina e CEIP Fogar
30 de abril – CEIP Razo-Nétoma, CEIP Canosa-Rus e CEIP Gándara-Sofán
As sesións teñen unha duración de 75 minutos e están dirixidas a grupos de ata 25 alumnos e alumnas.
Con esta iniciativa, o Concello busca non só dotar o alumnado de ferramentas de expresión artística, senón tamén descentralizar a programación cultural, levándoa fóra dos espazos habituais e achegando a poesía ás primeiras etapas educativas.

Deja un comentario