— O representante do Executivo galego considera que é unha “xusta reclamación” e pide o apoio para esta demanda de todos os grupos parlamentarios
— Asegura que, unha vez que o Estado leve a cabo estas actuacións, Galicia volverá demandar a cesión deste espazo “para que se converta en patrimonio de todos os galegos e galegas”
— Reclama que se recuperen as visitas a todo o inmoble, de maneira pública e gratuíta, como obriga a Lei de Patrimonio por tratarse dun Ben de Interese Cultural
— Avanza que a Consellería de Cultura ten en marcha os traballos para elaborar un plan de usos que renove a proposta de 2020 e no que se inclúa o legado de Emilia Pardo Bazán e o proceso polo que se converteu en propiedade do ditador
— Destaca que o Goberno autonómico unirase ao Estado se decide presentar un recurso ao pago da indemnización fixada pola sentenza do Tribunal Supremo
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026.- O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, exixiu hoxe a rehabilitación do Pazo de Meirás por parte do Goberno central, actual titular do inmoble, como paso previo necesario para que a Xunta asuma a súa xestión. Así o demandou no Parlamento de Galicia, onde pediu o apoio de todos os grupos parlamentarios a esta “xusta reclamación”.
“Como inmoble da súa titularidade, o Estado debe darlle o tratamento que merece por ser Ben de Interese Cultural e un dos máis senlleiros do patrimonio galego”, reclamou o representante da Xunta quen, consecuentemente, instou o Executivo central “a realizar as obras pertinentes, tanto no interior como no exterior das Torres de Meirás, para garantir a súa conservación e a seguridade das persoas”.
Por estes motivos, incidiu na necesidade dun plan de rehabilitación integral, especialmente necesario naqueles lugares que precisan dunha intervención urxente e que están impedindo que as visitas públicas se poidan facer na súa totalidade. Precisamente, López Campos fixo especial fincapé en que o Goberno de España debe “actuar xa” para facer posible que calquera cidadán poida visitar este espazo público, “unha obriga coa que non está a cumprir desde hai seis anos”, lamentou, ao tempo que reclamou que se recuperen as visitas a totalidade do inmoble, ”de maneira pública e gratuíta, como obriga a lei ao tratarse dun Ben de Interese Cultural”.
Neste senso, asegurou que, unha vez que o Estado leve a cabo estas actuacións, a Xunta volverá dirixirse ao Goberno central, como xa fixo en numerosas ocasións desde que se iniciou o seu proceso de recuperación, para reclamar a xestión deste espazo emblemático para Galicia, “o que permitirá que definitivamente se converta en patrimonio de todos os galegos e galegas. “O noso compromiso é firme. Galicia quere asumir a cesión”, aseverou.
Colaboración do Goberno central no Plan de usos
De xeito paralelo a este proceso, anunciou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xa ten en marcha os traballos necesarios para elaborar unha proposta de plan de usos para as Torres de Meirás que renove a elaborada no ano 2020 e na que se recolla a totalidade de toda a historia que atinxe ao Pazo de Meirás.
“Entendemos que o futuro plan de usos terá que ser fiel a toda a súa historia”, asegurou López Campos, quen, polo tanto, avanzou que “incluirá tanto o legado de Emilia Pardo Bazán, tal e como tamén solicitan outras administracións implicadas, como o proceso polo que se converteu en propiedade do ditador”.
Deste xeito, precisou que o futuro plan de usos partirá do documento elaborado en 2020 co obxectivo de converter o Pazo de Meirás nun equipamento útil para o ecosistema da creación cultural actual “respectando a súa historia e poñendo especial énfase na creación e na difusión da cultura galega contemporánea”.
Ao respecto do plan, reclamoulle ao Goberno central que, “despois de abrir totalmente o espazo ao público o Pazo e arranxar as súas estancias, colabore tamén na súa elaboración”. Nese senso, amosouse partidario de que a proposta de usos debe ser asumida “por todas as Administracións implicadas”, en referencia tamén á de Sada, onde esta localizado o pazo.
Finalmente, o conselleiro de Cultura confirmou que a Xunta unirase ao Estado se finalmente decide presentar un recurso contra a indemnización á Familia Franco fixado pola sentenza do Tribunal Supremo, “na liña mantida de adherirse sempre ás accións xudiciais lideradas polo Goberno central desde que se iniciou o proceso de recuperación do Pazo de Meirás”.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.